A UVigo saca músculo en Edugal

A institución académica achega a súa oferta formativa a Edugal cun stand no que están representadas nove escolas e facultades ▶ As charlas de orientación universitaria son a a outra achega. "Queremos mostrar fóra das aulas o que se fai nelas", subliña o vicerreitor

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitou este xoves á tarde o salón Edugal. RAFA FARIÑA
photo_camera O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitou este xoves á tarde o salón Edugal. RAFA FARIÑA

A Universidade de Vigo amosa un ano máis en Edugal o potencial das súas diferentes titulacións, tanto ofrecendo información e asesoramento á mocidade como achegando diferentes exemplos prácticos dos proxectos que se desenvolven nas facultades e escolas. Arredor de 5.000 alumnos pasarán entre o mércores e este venres polo Recinto Feiral, que acolle a sétima edición do Salón da Oferta de Educación e Formación de Galicia, onde a UVigo instalou un stand institucional que reúne a maior representación de centros das diferentes edicións, nove en total, e da participación nas charlas de orientación que se desenvolven en cada xornada.

"Penso que o gran valor de Edugal é o contacto directo cos estudantes", salientaba o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho. Organizado por Aempe, Edugal tamén conta coa colaboración do Consello Social da Universidade, representado no acto inaugural polo seu presidente, Ernesto Pedrosa. "É unha fórmula de mostrar fóra das aulas o que se fai dentro delas", engadía Corbacho, quen destacaba a implicación tanto do persoal docente como do alumnado. O stand complétase co espazo de información xeral do Servizo de Información ao Estudantado da Universidade á hora de "ensinar o que se aprende na Universidade dunha forma práctica", o que sumado "á participación daqueles outros que non teñen presenza física nas charlas de presentación das titulación" fai posible que "o potencial da Universidade estea representado aquí".

O gran valor de Edugal é o contacto directo cos estudantes, subliña o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho

Pódese ver desde un simulador de guindastre e un marcador láser ata unha impresora 3D ou un monopraza da escudería UVigo Motorsport

Un simulador de guindastre, un marcador láser, unha impresora 3D, un panel fotovoltaico, unha mostra de biomateriais ou o monopraza da escudaría UVigo Motorsport son algúns dos exemplos dos múltiples ámbitos de traballo que abrangue a formación que se imparte na Escola de Enxeñaría Industrial. Que os asistentes "poidan ver e tocar é a mellor maneira de mostrar as aplicacións especializadas das nosas titulacións", sinalaba o seu director, Juan Pardo. Tamén optou polos exemplos prácticos Ciencias Sociais e da Comunicación, nun espazo no que presenta diferentes traballos realizados polo alumnado, xunto co proxecto A Canteira, unha web que reúne traballos de estudantes e egresados. Do mesmo xeito, a exposición de mineirais ou de réplicas de explosivos que se empregan en explotacións mineiras propón tamén un achegamento máis directo á formación que se imparte na Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, ao igual que a realización de medicións de tensión ou a información sobre como debe realizarse unha vendaxe ou unha manobra de reanimación cardiopulmonar que ofrece nesta feira o alumnado da Escola de Enfermaría de Pontevedra, centro adscrito á Universidade.

A captación de alumnado é moi importante e esta feira é un escaparate marabilloso

"Nestes tempos, a captación de alumnado é algo moi importante e esta feira é un escaparate marabilloso para realizar ese labor activo", sinalou Luis Alonso Bacigalupe, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, presente de novo en Edugal, por primeira vez cun espazo propio nun stand.

Do Garaxe Hermético ao Carlos Oroza 

Despois dunha xornada que non foi allea á celebración do Día Internacional da Muller é á folga feminina, Edugal ofrece este venresun programa de actividades do maís diverso.

Entre elas destaca a entrega dos primeiros Premios de Fin de Curso do Garaxe Hermético, que tamén incluirá unha xuntanza de ex-alumnos e o showcooking Streetfood. A camelia sobre rodas, a cargo do CIFP Carlos Oroza, que volverá traer ao recinto a food truck do proxecto PonteVan: FP na rúa.

Así mesmo, o programa inclúe unha charla sobre a internacionalización das artes escénicas a través do programa Erasmus+ na ESAD Galicia, así como conferencias de orientación universitaria da EE Forestal, da EU de Enfermería, da Facultade de Filoloxía da Coruña e da de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra.

A Escola de Tempo Libre Argalladas será a protagonista da tarde, cunha charla e un obradoiro que precederán á clausura. A entrada é de balde.

 

Comentarios