Vaipolorío alerta do perigo de extinción de parte da flora e fauna do río Gafos

Gonzalo Sancho (dereita), presidente de Vaipolorío
photo_camera Gonzalo Sancho (dereita), presidente de Vaipolorío

PONTEVEDRA. A difusión social como base para lograr os seus obxectivos. Iso é o que pretende a asociación Vaipolorío, que loita pola recuperación do espazo natural do río Gafos e das especies que alí viven.

Conscientes de que as administracións non están a facer todo o que deberían, os membros da agrupación programan diversas actividades para dar a coñecer á sociedade a importancia do medio natural e dos organismos biolóxicos, sexan plantas, aves, insectos, reptiles, anfibios ou peixes.

A última iniciativa desta agrupación é a elaboración dunha escolma, que será presentada hoxe ás 20.30 horas na Carballeira do Menexo, onde se recollen todo tipo de organismos en perigo de extinción ou vulnerables, entre elas moitas que só poden atoparse en Galicia e que, de non atopar o apoio que deberían ter por parte dos organismos oficiais poderían desaparecer. Ademais participan doutras actividades como as explicacións de nocións básicas de flora e fauna no río Ulló que dan hoxe, ás 10.30 da mañá, convidados polo CEIP Pontesampaio.

Polo momento, a lexislación xa avanzou moito no campo da protección de espazos e de especies vulnerables. No ámbito autonómico, un decreto recolle un catálogo catálogo galego de especies protexidas, aínda que asociacións como Vaipolorío defenden que non é suficiente porque moitas variedades nin tan sequera están catalogadas neste momento. Este decreto depende dunha lei nacional que á súa vez depende do tradado de Berna, que fala da defensa de especies naturais ante o risco de que estas desaparezan.

O presidente de Vaipolorío, Gonzalo Sancho, denuncia que pese ó contido legal no referente á protección da natureza, na práctica non se está facendo o suficiente. "Creo que xa se levan celebrado tres cumbres da Terra para tratar estes temas, en Johanesburgo, Río de Janeiro e Estocolmo. Existe toda unha escala de grados de protección das máximas autoridades mundiais, que moitas veces por causa dun polígono industrial, por unha estrada ou por diversos motivos non se respetan" .

Para darlle a volta a esta situación, a agrupación quere informar á cidadanía da flora e da fauna que existen nos arredores do río Gafos, coa finalidade de aumentar a súa seguridade. "O que nós pretendemos con esta campaña é ensinar o contido legal que teñen esas especies para que se poida defender o territorio".

O problema é, segundo os membros da organización, que os espazos onde viven os organismos vulnerables ou en perigo de extinción non están o suficientemente protexidos. "Tanto a Xunta coma o Estado español teñen a obriga de dotar de espacios para esas especies. O que ocurre é que as especies case nunca están catalogadas: podemos falar do ecosistema do Ulla, eu non teño coñecemento nin polos medios nin por outras asociacións doutro tipo de que no Ulla se catalogaran especies como sí se fixo aquí no Gafos. Polo tanto, ó non estar catalogadas ninguén pregunta nada, ninguén se preocupa, e as administracións actúan libremente, campan ás súas anchas", sostén o presidente de Vaipolorío.

A organización advirte do risco de que o Goberno dé prioridade a proxectos de construción ou infraestruturas por criterios puramente económicos. "Se non lle damos o protagonismo biolóxico que merecen as especies acabarán desaparecendo do planeta para sempre. E moitas veces xa sabemos que as plantas, as algas, os insectos, as aves, gardan segredos que a humanidade, ó desaparecer elas, nunca vai poder desenvolver científicamente", mantén o responsable da asociación de defensa do Gafos.

Comentarios