Veciños de Lameiriña, ao límite: "Temos que pagar os desperfectos do noso peto"

O mal estado da vía provocou roturas de cristais en vivendas polas salpicaduras dos coches
Representantes do Partido Popular reuníronse na rúa Lameiriña con veciñas afectadas. AMU
photo_camera Representantes do Partido Popular reuníronse onte na rúa Lameiriña con veciñas afectadas. AMU
Inundacións cando chove, socavóns do tamaño dunha roda, continuas salpicaduras nas fachadas e roturas dos cristais dalgunhas ventás, son os desperfectos cos que ten que lidiar día a día a veciñanza da rúa Lameiriña, situada en Raxó, como consecuencia do mal estado da vía. "Un veciño tivo que pintar a casa por fóra e por dentro, e instalar paneis anti humidade, porque as salpicaduras dos coches cando meten as rodas nos socavóns provocáronlle humidades por dentro. Outra veciña tivo que cambiar as ventás da casa porque as pedras saltan e rompen os cristais". Así o explica Rosana Ferreira, veciña dunha rúa pola que pasan unha media de entre 40 e 50 coches de veciños ao día, aos que hai que engadirlle outros máis que toman a Lameiriña como atallo, sobre todo na tempada de verán. "Cando pasas co coche por estes socavóns a roda chega abaixo, e pódese romper o amortiguador. Son gastos que a xente non ten por que asumir", denuncia, a modo de portavoz veciñal.

Na rúa, que conta con entre 80 e 90 vivendas ao longo, os veciños máis afectados polo gran número de baches, fendas e o deterioro do asfalto poden chegar a asumir entre "300 e 1.200 euros por cada arranxo que hai que facer nas casas, como pintar ou cambiar os cristais das ventás", debido ao mal estado da rúa. "Temos que pagar os desperfectos do noso peto e iso non pode ser. Por moito que chames ao Concello non o arranxan", di. Por iso, a "única solución" que atoparon foi denuncialo a través das redes sociais.

Sen ir mais lonxe, o pasado sábado operarios municipais levaron a cabo o recheo dun dos socavóns máis problemáticos que, uns días depois, "volve estar levantado". O voceiro do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, que se reuniu onte con varios veciños na mesma rúa, xunto con varios representantes do PP, anunciou que, tras "levar moitas veces esta problemática á Comisión de Urbanismo, e de que os veciños esgotaran todas as vías posibles", os populares presentarán unha moción no vindeiro Pleno da Corporación, para pedir "unha actuación integral".

A reforma da rúa Lameiriña ten unha partida reservada de máis de 200.000 euros para unha actuación que, anteriormente, fora adxudicada a Nexia Infraestruturas e que, segundo o Goberno local, viuse freada "polo cese da actividade da empresa en 2020". Pola súa parte, os populares valoraron que "a problemática é anterior a Nexia, e data do 2018".

O Concello ampliará o proxecto inicial ata Caneliñas

O Concello de Poio anunciou onte que sacará próximamente a nova licitación para levar a cabo as obras "despois de que o repentino cese de Nexia impedira que os traballos se puidesen desenvolver".

A nova licitación, ademais, chegará cunha modificación, posto que o Concello aproveitará para ampliar o proxecto inicial, engadindo unha segunda fase que permita estender o novo empedrado ata o núcleo de Caneliñas, onde xa existe este tipo de firme. A concelleira de Obras e Servizos e tenente de alcalde, Chelo Besada, lembrou que a actuación contempla a dotación dunha nova superficie de empedrado, para "dar unha solución definitiva aos problemas provocados polo deterioro do firme", a través dunha extensión aproximada duns 600 metros, e confía en que a adxudicación do proxecto, valorado en máis de 200.000 euros, poida completarse "nunhas semanas".

Besada valorou a aposta polo empedrado coma unha acción "respetuosa coa contorna". Besada asegurou que os operarios municipais veñen realizando "tarefas de mantemento e bacheado de xeito periódico", pero "é necesaria unha actuación máis ambiciosa. A nosa intención era que esta obra xa estivese feita, pero o cese de Nexia e o confinamento, que obrigou a paralizar durante meses a actividade administrativa, demoraron o proceso. Ademais, no caso de Lameiriña, esta empresa non chegou a realizar ningún traballo, a diferenza do que sucedeu na Seara", lamentou.

Comentarios