Opinión

Verán ao espeto

RECOÑEZO E presumo sempre que podo da miña condición de morañés. Estou xa acostumado a explicar que a vila que ten unhas praias marabillosas non é Moraña, senón Moaña, pero nós temos encantos que non hai en ningunha parte do mundo.

Un dos máis relevantes, sen dúbida, é a celebración da festa gastronómica máis consolidada en Galicia, con máis de 47 anos de historia e que consiste en algo tan medieval como fascinante: xuntar a tres mil paisanos comendo carne asada na carballeira de Santa Lucía o último domingo do mes de xullo.

A festa ten tres elementos perfectamente estudados e que funcionan estupendamente. Primeiro, é unha festa colectiva. A unidade mínima é o lote, unha sorte de conxunto de empanada, viño, augardente e un carneiro asado enteiro durante máis de oito horas, deseñado para ser comido por vinte comensais como mínimo. Isto, ao igual que o rito das pulperías, é a alma da festa porque obriga a crear grupos consolidados que a medida que pasa o día montan unha festa impresionante. O trato é comezar coa empanada e acabar coa gaita e combinar os cantos animados polo viño, cos berros dos nenos a enredar coas landras e cos columbios.

Segundo, o sistema de cociña. Nun momento no que está de moda a comida cósmica e no que hai mil e unha variable de controis de todo tipo, senta como Dios comer un carneiro asado dunha soa peza, con calma, á sombra dun carballo e regado polo viño do pais que ese día a todos nos gusta.

E terceiro, o respecto pola tradición. Esta festa foise adaptando dun xeito magnífico aos tempos que lle tocou vivir. Comezou sendo unha broma do tío Rafael, un emigrado arxentino que importou esta técnica de asado en cruz hai cincuenta anos, para converterse na festa da Xuventude grazas ao impulso de don Lauro, unha das persoas máis importantes do século XX en Moraña, e reconverterse na festa do Carneiro ao Espeto, nos tempos do alcalde Eiras Paz. Agora, os gobernantes respectan esa tradición e incluso a profesionalizan e a melloran, algo que é especialmente importante nestes tempos onde cómpre escoller ben o destino dos cartos públicos.

O Carneiro ao espeto é moito máis que unha festa. Está xa na órbita das romarías, capaces de atraer a máis foráneos que nativos e onde o importante non é se toca a Panorama ou a París, senón discutir se o carneiro está ben asado ou se lle roubo a costela máis saborosa ao veciño do lado.

Galicia é iso, unha sociedade baseada en estruturas sociais colectivas e onde a colaboración entre veciños é unha forma de ser e onde o xantar é un dos xeitos máis habituais de recompensa aos amigos. Calquera favor pagámolo cun xantar e non hai acto familiar que non teña tres ou catro pratos para cada parente.

Recoñezo a miña debilidade por esta festa. Desde a miña xuventude, o verán comezaba recollendo as flores de San Xoan, chegaba ao seu ecuador co Espeto, e remataba cos Milagres de Amil. Éche o que ten ser de Moraña!!!

Comentarios