Os viandantes terán prioridade nas rúas de Sanxenxo e Portonovo

O Goberno local anuncia que tamén aplicará esta medida no Paseo de Silgar e a Rúa Rafael Picou no verán, durante a franxa horaria de maior afluencia de peóns
2020051712022180109
photo_camera Imaxe do Paseo de Silgar captada durante a tarde do sábado. DAVID FREIRE

Garantir a seguridade de veciños e visitantes, especialmente cando se achega o período do ano no que máis poboación se concentra en Sanxenxo, é a prioridade do Goberno local. Para logralo, o Concello reordenará a mobilidade dos peóns, de maneira que nas beirarrúas nunca haxa persoas que se despracen en sentido contrario.

Os viandante deberán transitar sempre pola beirarrúa da dereita para reorientar o fluxo, evitando unha excesiva concentración de persoas e, sobre todo, que ninguén se teña que cruzar cun peón que veña de fronte, reducindo as situacións de risco.

A intención anunciada polo Goberno local é aplicar esta medida en todas as rúas de Sanxenxo e Portonovo e, polo menos, na vía máis importante de Vilalonga e o núcleo da Revolta, onde tamén se concentra un alto número de visitantes.

"Sempre hai que avanzar pola beirarrúa da dereita", indica a Administración local, que para despexar dúbidas pintará sinais e frechas nas beirarrúas e espazos peonís, especialmente nas zonas máis concorridas de Sanxenxo e Portonovo.

Outra iniciativa que tamén ten previsto pór en práctica o Concello durante a tempada estival é a peonalización do Paseo de Silgar e da Rúa Rafael Picou, na franxa horaria de maior afluencia.

"Trátase de ampliar os espazos dispoñibles para os viandantes, sen impedir o paso aos vehículos que necesariamente teñan que utilizar o Paseo de Silgar, pero que deberán circular moi lentamente, respectando a prioridade dos peóns durante os horarios establecidos", argumenta.

No Paseo de Silgar, os condutores que queiran estacionar os seus vehículos no aparcadoiro do porto deportivo ou do supermercado Froiz poderán saber se hai prazas libres ou están completos a través de dous paneis informativos que serán colocados nas rotondas de Arnelas e na situada na confluencia entre as rúas Castelao e Progreso.

A Rúa Rafael Pico tamén será peonalizada, no tramo entre a rúa Espiñeiro e a rotonda que situada diante da lonxa. Neste caso os peóns e vehículos non terían que compartir a calzada porque hai unha alternativa para ir ao porto, pola Avenida de Pontevedra, as rúas Espiñeiro, Areal e Avenida da Mariña, que desembocan na rotonda.

Comentarios