Paulo Vicente: "A falta de curro vai supor unha merma económica para a manutención das bestas"

A Asociación Rapa das Bestas anunciou a suspensión definitiva da Rapa das Bestas por mor da crise sanitaria do coronavirus. O presidente, Paulo Vicente, insiste en que agora, máis que nunca, é importante a implicación da veciñanza para o coidado dos cabalos.
Paulo Vicente, presidente da asociación Rapa das Bestas de Sabucedo. DP.
photo_camera Paulo Vicente, presidente da asociación Rapa das Bestas de Sabucedo. DP.

Por primeira vez na súa historia, a Rapa das Bestas non se celebrará. Que supón isto para a parroquia e para os cabalos?
Para a parroquia é unha novidade, porque isto non é normal que pase, pero a covid-19 afectoulle a todos. Para as bestas, teremos que traballar moito as fins de semana, intentando collelas grea a grea e intentando facer o traballo. É imposible facelo todo, é moi difícil, polo que faremos todo o posible por sanealas e por microchipar a maior parte dos animais posibles. Por outra parte, a falta de curro neste sentido vainos supor unha merma económica, porque os cartos que sacabamos do curro son os que usabamos para a manutención das bestas, para facer peches, para comprar os microchips e para facer o saneamento. Polo que vai ser un ano bastante difícil.

Canto gaña a parroquia nun ano coa Rapa das Bestas?
Os datos son doados de saber. Nun curro entran 1.500 persoas e a media das entradas, entre que se lle cobran dez euros aos adultos e cinco aos rapaces, está nos oito euros, por 1.500 e multiplicado por dous; á parte do curro solidario, que o 25 % está destinado cada ano a unha organización benéfica sen ánimo de lucro, e a outra parte dos cartos tamén se empregaban nas bestas. Son 4.500 entradas a unha media de oito euros.

Estámonos movendo entre os 400 e os 450 exemplares desde a aplicación do centro de acollida"


Na asemblea veciñal celebrada o sábado barallouse celebrar os curros a porta pechada.
Si, pero a gran maioría da parroquia pensou que era pouco seguro porque non nos viamos capaces de controlar a afluencia de xente a Sabucedo a pesar de que dixeramos que non queriamos que viñese xente. É unha festa que está no alto rango de asistencia de público e pensamos que si había persoas despistadas que aparecesen igual, podería supornos un problema.

Non hai outra maneira de desparasitar as bestas e cortarlles as crinas que baixalas ao curro?
Si. Nós podemos ir grea a grea, pero iso suponnos ter que coller á man a estes animais. Aínda que sexamos 40 persoas nos montes rodeando ás bestas, ter que botarse a elas, tiralas ao chan… e sen ambulancias, sen médicos e sen nada. Quizais non pase nada por non cortarlles a crina, que ao final quizá sexa a parte do saneamento que menos lle poida afectar, pero si o tocante á desparasitación e o microchipaxe. Con respecto á microchipaxe, temos que ser realistas e pensar igual que co gando doméstico das casas e coas explotacións gandeiras lle van dar un prazo máis amplo para poder facer estas tarefas de control, pero no noso caso posiblemente moitas bestas non o teñan e isto pode xerar un problema.


Temos problemas de roubos, e non ter o gando identificado fai que a xente que rouba animais o teña moito máis fácil"


A que tipo de problema se refire?
Temos serios problemas de roubos, e non ter o gando identificado fai que a xente que rouba animais o teña máis fácil porque ao non estar identificados poden non ter que demostrar ante o Seprona que o animal é noso, e isto dificulta a situación gravemente. Para nós é fundamental telos identificados porque temos unhas obrigas legais, pero á parte tamén é por un tema de seguridade das nosas bestas, de que non poidan ser roubadas.

Hai uns meses vostede deu a voz de alarma con respecto a que o número de bestas reducírase co tempo drasticamente, chegando a haber só 200 cabalos salvaxes en Sabucedo. Como está a situación actualmente?
Actualmente melloramos un pouco desde a aplicación do centro de acollida, que estamos recibindo bestas doutras zonas de Galicia e estamos recuperando un pouco a cabana. É unha recuperación moi lenta porque foron vindo os animais pouco a pouco. É un traballo no que temos que seguir afondando e darlles a máxima calidade de vida a estes animais. A día de hoxe estámonos movendo arredor dos 400 e os 450 exemplares en Sabucedo.

Durante a asemblea a directiva expuxo a necesidade de intensificar a súa participación nos traballos de coidado das bestas no monte. Por que é tan necesaria a colaboración da veciñanza?
Nós agora mesmo estamos no monte (domingo á mañá). Estamos unhas 40 persoas e estamos intentando coller un cabalo, porque é maior e querémolo cambiar por outro. Estamos nun monte enorme, intentando rodear estas bestas para cerralas, poder coller ese cabalo e levalo para Sabucedo e mandar un cabalo novo; ou non mandalo e que se xunte con outra grea para facer unha grea máis grande. Estes traballos son de fin de semana en fin de semana e son os traballos que a xente fai de xeito voluntario. Entón, canta máis xente nos veña a axudar, isto serviranos para darnos un pulo de esperanza.

Gustaríame ter tido un ano normal, que puidésemos estar collendo as bestas e levándoas para Sabucedo"


Cantos veciños soben ao monte a realizar estes traballos as fins de semana?
En Sabucedo viven, agora no verán arredor de 50 veciños, e a xente nova que estamos podemos ser arredor de 15. Despois axúdanos xente doutras parroquias, xente que colabora con nós durante todo o ano. Entón, grazas a todos eles podemos facer este tipo de traballos.

Hai uns meses dixo que podía chegar a perigar a celebración da Rapa nun futuro.
Hai que entender que o relevo xeracional é difícil. Estamos falando de que en certas ocasións precisamos xente que tamén durante a semana se ocupe dos animais, xa que ás veces entran nunha aldea veciña e temos que ir a recollelos, ou porque están en hortas privadas. E a maioría da xente que está aquí é de fin de semana. Entón, sempre dependemos das casuísticas, de que haxa bo tempo, de que haxa unha ponte para que a xente que está fora veña a Sabucedo, e nesas fins de semana xuntamos un pouco máis. Pero ás veces non se aglomeran os festivos así, e cústanos máis, porque vén menos xente que en Nadal ou Semana Santa, por exemplo, polo que nos custa moito.

A Asociación pedía tamén máis implicación das distintas administracións. Obtiveron algunha resposta?
Estamos á espera de ter reunións coa Xunta, tamén imos a solicitar unha co Concello da Estrada, porque a nós úrxenos moito que se desbroce o monte. É unha axuda importantísima para nós porque realmente é onde medra o pasto onde as bestas comen, e se o monte non está produtivo para estes animais é moi difícil que sobrevivan.

Este ano estréase como presidente da Asociación da Rapa das Bestas. Teríalle gustado que as cousas fosen doutra maneira?
Como poderás comprender, si. Gustaríame ter tido un ano normal, que puidésemos estar collendo as bestas e levándoas para Sabucedo e facer as nosas festas sen problemas, e encontrarnos todos e vivir momentos de alegría, que é o que facemos cando facemos a Rapa, compartir unha experiencia única con moita xente que nos vén visitar. De feito, ao longo dos anos establecemos contacto con esa xente e encántalle a Rapa, polo que este ano é un ano triste. Quizais o máis importante de todo isto non sexa a festa, senón os animais. Quen non bota de menos un ano sen Rapa?

Comentarios