Un vídeo do campus de Pontevedra sobre ocio obtén un premio nacional

O estudante de Comunicación Audiovisual Francisco Sánchez foi un dos seleccionados no concurso 'Drogas: Tu punto de mira' ó que se presentaron 130 pezas realizadas por universitarios

Francisco Sánchez (abaixo á esquerda) co resto de premiados. DUVI
photo_camera Francisco Sánchez (abaixo á esquerda) co resto de premiados. DUVI

"Contei un pouco a miña experiencia como universitario, nun campus que ten un ambiente saudable e nunha cidade na que hai alternativas de ocio", explica ó Diario da UVigo o estudante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Mi ocio, o vídeo polo que obtivo o terceiro premio no concurso universitario Drogas: Tu punto de mira, un certame promovido pola asociación PDS (Promoción y Desarollo Social) co apoio do Plan Nacional sobre Drogas.

Uns 130 estudantes de diferentes universidades españolas concorreron á oitava edición dun certame que ten por obxectivo promover a sensibilización da comunidade universitaria respecto dos riscos asociados ao consumo de drogas e outras conductas aditivas. Así, este alumno de Comunicación Audiovisual presentou unha peza protagonizada por el mesmo, "na que quixen aproveitar a miña experiencia para falar da existencia de alternativas de ocio para a xente nova, desde ir ou cine ou correr a ir ás praias", manifestou.

As universidades teñen importancia á hora de fomentar na xente nova estilos de vida máis saudables

Francisco Sánchez destaca que o traballo que nestes meses realizou para unha materia impartida no grao sobre a proliferación das casas de apostas e a adicción, "moitas veces silenciada", que poden xerar na xente nova foi precisamente a motivación que o levou a presentarse ao certame e a facelo cunha obra que puxese o foco na prevención.

O vídeo ten como punto de partida o propio campus de Pontevedra, do que o seu autor salienta, entre outros, a existencia dun carril-bici, e no que dá conta das súas propias afeccións e intereses. "As universidades teñen importancia á hora de fomentar na xente nova estilos de vida máis saudables", salienta nese senso este estudante.

Aproveitei a miña experiencia para falar da existencia de opcións de ocio para a xente nova, desde ir ó cine ou á praia

OS GAÑADORES. Integrado por profesionais e expertos en materia de adiccións, o xurado do concurso proclamou gañadora á estudante da Universidad Carlos III de Madrid Claudia Paz, mentres que o segundo premio foi para Daniel Jesús Muñoz, da Universidad de Huelva. Así mesmo, os traballos presentados por Marta Villar e Paloma García, da Universidad de Málaga; Pedro José Negrín, da Universidad Complutense de Madrid, e Adrián Martínez, da Universidad de Alicante, tamén foron recoñecidos nun concurso que este luns celebrou a súa entrega de premios no marco dunha xornada sobre prevención de adiccións que a ONG organizadora promoveu na sede do Plan Nacional sobre Drogas en Madrid.

"A verdade é que é algo moi positivo, que tamén te incentiva a participar noutros concursos", recoñece Sánchez do premio que obtivo neste certame, "na primeira vez que me presento a un concurso estatal".

O galardón conta ademais cunha dotación económica de 800 euros, financiados polo Ministerio de Sanidad, Consumo y Bienestar Social e que, recoñece, tamén supón "unha axuda" á hora de adquirir equipamento.

Comentarios