A VII Feira da Sidra da Estrada reunirá a produtores de cinco países

A conselleira do Medio Rural resaltou que "cada vez son máis" os agricultores que apostan pola mazá natural e ecolóxica como forma de diversificar os aproveitamentos no agro

Ángeles Vázquez, na presentación da Feira da sidra da Estrada. DP
photo_camera Ángeles Vázquez, na presentación da Feira da sidra da Estrada. DP

A Estrada acollerá o vindeiro 2 de xuño a VII Feira da Sidra Natural e Ecolóxica, que contará coa participación de lagares nacionais e también de Alemaña, Francia, Inglaterra e Portugal. 

Así se anunciou este martes na presentación da feira desde as instalacións de Sidra Natural Peroja e na que participou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, xunta a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e o alcalde estradense, José López Campos.

A conselleira destacou que a produción de sidra en Galicia "está en auxe" e que "cada vez son máis os agricultores que apostan pola mazá natural e ecolóxica como forma de diversificar os aproveitamentos no agro".

"Este tipo de actividade contribúe de xeito moi importante á dinamización da economía local, coa conseguinte creación de riqueza e emprego, e favorece tamén a fixación da poboación", sinalou Vázquez.

Ademáis da degustación da sidra, a feira complementarase con outras actividades de carácter cultural e con diferentes actuacións e concertos.

Comentarios