Vilagarcía modifica o programa de festas e suspende algúns actos polas chuvias

San Roque.CARTEL OFICIAL
photo_camera San Roque.CARTEL OFICIAL

O Programa das festas de San Roque 2020 foi modificado polas previsións de chuvia para este fin de semana. En concreto, todos os actos relacionados co Festaclown -o de Troula, pola mañá, e o de Cirqueiras, en dobre sesión, pola tarde- se trasladan á praza de Peixería. Pola súa banda, o concerto de Arosa Bay cambia de escenario, do parque da Xunqueira ao Auditorio.

O que non mudan son os horarios. A previsión de precipitacións para a mañá do domingo, levan á anulación dos pasacalles previstos de Latexo, Som do Lilá e Bloquinho Brasileiro con Aperta. En principio, as actividades da tarde do domingo mantéñense tal e como están programadas, incluído o concerto de Kiko Veneno na Xunqueira.

Así pois, o programa para sábado comeza ás 12:30 horas na praza da Peixería, coa actuación do grupo Troula e seu espectáculo 'O estraño caso do dentista da rúa Brasov'. O show conta a historia dun dentista da Europa do Leste, o doutor Krakmhu Elah, que percorre co seu carromato vilas e cidades buscando clientes para a súa pequena consulta ambulante. Pero o que ninguén sabe e o seu estraño pasado e a súa estraña obsesión que pouco a pouco irá descubrindo a través de xiros inesperados, feed backs, maxia, clown e interacción co público para solucionar esta delirante historia.

A programación de San Roque continuará pola tarde, no mesmo espazo e cunha dobre sesión de Cirqueiras, ás 19:30 e ás 22:00 horas. Unha incrible gala multidisciplinar con varias das mellores artistas galegas do momento. Pola noite, ás 23:00 horas, pero no Auditorio, será a quenda do primeiro dos concertos 'Son da Casa'. Trátase de Arosa Bay e seu repertorio de boleros, habaneiras, valses e cancións de sempre, pezas melódicas cantadas e acompañadas de acordeóns, corda e percusión.

Comentarios