Villares acusa a Pablo Iglesias de estar "empeñado en destruír" a confluencia

"O grupo parlamentario non é propiedade de Pablo Iglesias", dixo o voceiro de En Marea

O portavoz de En Marea, Luis Villares. EFE
photo_camera O portavoz de En Marea, Luís Villares. EFE

O portavoz de En Marea, Luís Villares, acusou este martes ao líder de Podemos, Pablo Iglesias, e á súa dirección de "estar empeñado en destruír a convivencia, a confluencia e o espazo político" de unidade popular en Galicia e fíxolle unha advertencia: "O grupo parlamentario non é propiedade de Pablo Iglesias".

Villares falou así en conferencia de prensa despois da xunta de portavoces no Parlamento galego, "tras a enésima lea" interna do grupo na lexislatura, motivada, nesta ocasión, pola proposta dunha persoa por En Marea para ser senadora por designación autonómica. Na pasada fin de semana a dirección de En Marea, na que non participan os críticos de Podemos, Esquerda Unida e Anova, decidiu comunicar o nome de Mariló Candedo como a súa aposta para ocupar o posto.

Con todo, no grupo parlamentario, de adscrición individual ao partido instrumental En Marea, hai representantes con afiliación a Podemos, Esquerda Unida e Anova que non están de acordo coa proposta de Villares. Deste xeito, se non hai un acordo ou o grupo rompe finalmente —ameaza presente case desde o inicio da lexislatura— a elección dun senador pola oposición podería pasar ao PSdeG, cos mesmos deputados que En Marea pero menos votos nas eleccións de 2016.

A votación en pleno, en calquera caso, atrasouse a petición de PP, grupo ao que lle corresponden os outros dous senadores, de modo que en lugar de celebrarse a próxima semana farase "este mes", probablemente no pleno da última semana, segundo dixo o viceportavoz e secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, tamén en conferencia de prensa.

Comentarios