Villares defende En Marea como proxecto a longo prazo e di sentirse apoiado por todas as correntes

O político lucense apela á xustiza social como única vía para dar futuro a Galicia

 

Luís Villares en los desayunos Nueva Economía Fórum-Europa. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Luís Villares, no almorzo de Fórum-Europa. PEPE FERRÍN (AGN)

O portavoz de En Marea, Luís Villares, defendeu que o proxecto da formación rupturista "non está en perigo" nin a medio nin a longo prazo, xa que, ao seu xuízo, as "maiorías sociais" que serviron de base para o xurdimento do partido instrumental continúan co seu "compromiso" na "radicalidade democrática e no republicanismo". Fíxoo no marco do almorzo informativo 'Tribuna Galicia' organizado por Fórum Europa que tivo lugar á primeira hora deste xoves en Santiago de Compostela, onde foi presentado pola profesora de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e exmilitante do BNG, Alba Nogueira. 

Alí, o maxistrado en excedencia estivo arroupado polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e algúns dos deputados de En Marea na Cámara galega —Paula Verao (Cerna), Davide Rodríguez (Anova) e Manuel Lago (Esquerda Unida)—. Quenes non asistiron este xoves á cita foron os rexedores da Coruña, Xulio Ferreiro (Marea Atlántica), e Ferrol, Jorge Suárez (Ferrol en Común). Tampouco acudiu ao acto ningún representante de Podemos Galicia, outra das formacións integradas no partido instrumental. 

Cuestionado sobre a súa relación coas mareas locais e as outras formacións integradas en En Marea logo das tensións internas vividas hai un ano no proceso de configuración dos órganos de dirección, Villares defendeu que sente "apoiado" tanto polos proxectos municipalistas como polos demais partidos. 

"A miña relación tanto con Esquerda Unida como co resto de correntes de opinión que forman En Marea é moi boa", remarcou Luís Villares, para logo reivindicar que "o proxecto" da formación rupturista "non está en perigo" porque seguen activas "as maiorías sociais comprometidas co radicalismo democrático e o republicanismo" que impulsaron o seu nacemento. 

XUSTIZA SOCIAL. Villares apelou á defensa da "xustiza social" como único camiño para dar "futuro" a Galicia, nun momento no que os seus gobernantes aplicaron unhas políticas que arrebataron aos galegos "a esperanza" e a ilusión por vivir na comunidade. "Os gobernos que foron gobernando interpuxéronse entre nós e os nosos dereitos", expuxo.

Comentarios