Villares pide un papel "activo" das administracións para visibilizar a realidade LGTBI

Villares fai un balance "bastante pobre" da lei galega de LGTBI. "Foi unha oportunidade, pero todo o contido quedou por desenvolver"

Luís Villares no acto celebrado este mércores en Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Luís Villares no acto celebrado este mércores en Pontevedra. RAFA FARIÑA

O portavoz de En Marea, Luís Villares, afirmou que a lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGTBI) de Galicia aprobada pola Xunta en 2014 "foi unha oportunidade, pero catro anos despois o balance é bastante pobre porque prácticamente todo o contido quedou por desenvolver". 

Ademais, Villares demandou un papel "activo" das administracións desde o punto de vista da "concienciación social cara a esta realidade". 

Durante un encontro en Pontevedra con representantes de organizacións de LGTBI como AmiZando ou a Asociación Arelas de Familias de Menores Trans, a candidata ao Congreso por esta provincia, Iris Malvido, apostou por "potenciar a diversidade sexual e de xénero" con propostas como a aprobación dunha lexislación en materia de LGTBI a nivel estatal. Pide que a nivel institucional se aborde a formación de profesionais dos ámbitos sanitario e educativo para "abordar o acoso escolar que sofren" as persoas destes colectivos. 

Entre os participantes, Aura Leirós rexeitou que "desde fai tanto tempo se estea bloqueando" o desenvolvemento da lei galega e advertiu de que "os populismos están arrasando" e poden constituír unha "seria ameaza" para as persoas LGTBI. 

Tamén destacou que España presenta "a terceira maior taxa a nivel europeo de asasinatos de transexuais e de suicidios" pola falta de accesibilidade aos tratamentos hormonais. Cita como exemplo o caso de Ekai, o adolescente transexual que se quitou a vida en Ondarroa o pasado ano. 

No encontro, ao que se sumou Jorge Lorenzo, de Marea Ourense, Luís Villares apelou a "abordar de forma inmediata", tanto a nivel estatal como autonómico, un protocolo contra o acoso escolar e a "LGTBI-fobia". A nivel sanitario, criticou que "o sistema non está preparado" para atender as necesidades dos menores transexuais galegos "cando empezan a manifestar a súa situación". Tamén reclamou que o Sergas asuma "sen burocracia" as operacións de cambio de sexo no seu catálogo de prestacións. 

"Hai unha invisibilización grande sobre a realidade LGTBI", explicou o portavoz de En Marea, que insistiu sobre a posta en marcha de "campañas específicas" de concienciación social. "O rexeitamento ten que ver co descoñecemento, por iso as administracións teñen que envorcarse con esta situación e normalizarla", engadiu. 

Comentarios