Vinte proxectos inician a terceira edición do Coworking de Barro

Os emprendedores pertencen aos sectores do turismo, a moda, a gastronomía, a fotografía, a comunicación, a psicoloxía e a actividade física

Os participantes, xunto a Carmela Silva, Javier Benito e Fernández Abraldes. DP
photo_camera Os participantes, xunto a Carmela Silva, Javier Benito e Fernández Abraldes. DP

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto ao director do departamento de Aceleración Empresarial da Escola de Organización Industrial, Javier Benito, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, presentou este martes a terceira edición do Coworking de Barro, un programa dirixido a emprendedores que teñan un proxecto en fase temperá de desenvolvemento ou unha empresa creada recentemente.

Froito da colaboración entre a institución provincial e a EOI e cofinanciado polo Fondo Social Europeo, nesta edición participarán 20 proxectos seleccionados entre os 32 que presentaron a súa solicitude. Entre eles estará moi presente un sector estratéxico para Pontevedra, o do turismo. Ademais, haberá proxectos vencellados á moda, á gastronomía, á fotografía, á comunicación, á psicoloxía e á actividade física.

En canto ao programa, Silva resaltou que "cada edición mellora a anterior" e engadiu que os participantes "de seguro converteranse en empresas importantes na provincia".

Pola súa banda, Javier Benito deulle as grazas á Deputación "por facer medrar este proxecto" e invitou ao alumnado a "aproveitar esta oportunidade" para conseguir que as súas ideas "se convertan en negocios rendibles".

As 22 persoas que están detrás dos 20 proxectos terán acceso a 100 horas de formación nas que combinarán talleres, dinámicas grupais e titorías individualizadas. "Estou orgullosa de todas as persoas que van participar pero especialmente encantada polas 14 mulleres que demostran que estamos a dar pasos adiante para ocupar todos os espazos que nos corresponden", dixo Silva.

Durante a presentación tamén houbo unha charla motivacional a cargo de Cristina Angulo, psicóloga, coach e experta en desenvolvemento persoal.

Comentarios