"Declarámonos en emerxencia!"

O Colectivo Feminista de Pontevedra únese ás máis de 270 marchas contra o terrorismo machista celebradas en todo o Estado despois dun ano tráxico con 42 asasinadas
Protesta contra a violencia machista en Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Protesta contra a violencia machista en Pontevedra. RAFA FARIÑA

"O verán de 2019 será recordado como un verán negro. Os telediarios énchense de asasinatos machistas, os seus titulares din que aparecemos mortas. Non, señores, estannos asasinando. No pasado mes de xullo, cada dous días, unha muller foi asasinada". Baixo esta premisa, coa que partía o manifesto deste venres, e tras unha semana especialmente tráxica, máis de 200 mulleres e homes tinguiron a noite deste venres de violeta nunha marcha con motivo dunha situación de "emerxencia feminista".

A marcha silenciosa, durante a que os participantes vestidos de negro empregaron as luces dos seus móbiles para iluminar de lila as rúas de Pontevedra, partiu da Praza de España e foi convocada polo Colectivo Feminista de Pontevedra. Á manifestación acudiron representantes de diferentes partidos da política local. Porén, a mobilización de Pontevedra repetiuse noutras 270 cidades de todo o Estado a raíz de que unha asociación feminista de Alicante chamase á mobilización no mes de agosto. A convocatoria circulou polas redes sociais e chegou á maioría das cidades nas que, como en Pontevedra, este venres se manifestaron milleiros de mulleres reclamando medidas concretas contra a violencia machista, que inclúen a posta en marcha das propostas incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero. "Fáltannos as máis de mil mulleres asasinadas desde 2003, fáltannos todas as que non foron contadas, todas as que xa non están", lamentaban as feministas de Pontevedra nun manifesto conxunto que se deu a coñecer con motivo das mobilizacións simultáneas.

O número oficial de asasinadas polo terrorismo machista ascende a estas alturas de 2019 a 42 mulleres, un número que só ten en conta ás vítimas que tiñan ou tiveran algún tipo de relación sentimental co asasino e que supera con creces os datos de anos anteriores por este mes. Portais feministas como Feminicidio.net elevan a cifra por enriba das 70.

Luz violeta no Concello e a Deputación
As institucións local e provincial apoiaron a mobilización feminista iluminando as fachadas do Concello e do Pazo Provincial de lila para a ocasión. De feito, tras o triple asasinato de Valga do pasado luns, a Deputación decidiu adiantar a dita iluminación e o Pazo estivo todas as noites desta semana tinguido de violeta.

Pola súa parte, a edil de Igualdade de Pontevedra, Paloma Castro, explicou que este verán negro esixe unha "maior responsabilidade e compromiso" na loita contra o terrorismo machista.

Comentarios