Opinión

Volver/ A noite da regresión

Volver

As candeas alumeaban todo Vigo nesa noite escura. Dende o ceo case non sentía o ambiente festivo da zona vella, só unha tranquilidade que cubría toda a cidade. Ascendín por un tobogán de aire quente e quedei suspendido na inmensidade da noite.

Preto de alí os meus amigos preparábanse para a longa viaxe que ían emprender cara á calor do sur. Todos cobizaban a calor do gran continente, mais eu, dende pequeno, enfeitizárame coa cidade e as illas deitadas como enormes cetáceos gardando a ría. Dábame mágoa deixala outro inverno.

A medida que me achegaba ao peirao, un recendo a mestura de salitre e argazo penetrou no meu corpo lembrándome longos abrentes a carón daquela ribeira.

Descendín en picado ata que o meu peito case acariciou as ondas da mar tristeira. Observei a inmensidade do ceo e suspirei. Quizais era o meu último día aquí. Sentín nostalxia.

Non quero marchar, non quero abandonar o meu fogar, non quero volver sentir ese desacougo que me rodea cando abandono Galicia, mais semella que o meu destino é emigrar lonxe sen mirar cara atrás. Marchar, volver, sen chegar a sentirme de ningures... Estou canso e vello.

Fixen unha reviravolta no ceo e volvín ao meu niño. Alí esperábanme os meus compañeiros, dispostos a partir outro inverno.

–Imos? –díxome un dos meus amigos abaneando as ás.
–Veña –contestei cun aceno.

Comecei a voar cara ao sur paseniño, sen moita présa... De súpeto, un degoiro veu á miña mente: por que non ficaba? Mais os paxaros temos a dirección do noso destino impresa na posición do sol no día e nas estrelas na noite.

Con algo de fortuna, podería sentir o mesmo o próximo ano.

Seguín voando paseniño, sen moita présa, aspirando un recendo mesto.

Candela Estévez García

IES Castelao [Vigo]

A noite da regresión

A muller das noticias, perfectamente enfeitada e con cara de finxida mágoa, relataba o fatídico resultado dun accidente de tráfico: tres persoas feridas e un falecido.

Nese intre imaxinei tres persoas nun hospital rodeadas dos seus seres queridos e narrando a súa experiencia próxima á morte. Os demais, asombrados e agradecidos polo non tan tráxico final, estarían escoitando con atención.

Pero tamén había un falecido. Un home de 33 anos. Xove.

Quizais nese momento no que eu estaba vendo as noticias, unha nai estaría recibindo a chamada que a deixaría co corazón esgazado pola perda do fillo.

Talvez houbese unha esposa ou un marido preguntando polo sentido da vida se non tiña o seu compañeiro nesta viaxe.

Ao mellor alguén estaría quedando orfo de pai, alguén que xa non podería contar co amor paterno.

Ou quizais ninguén o estaba chorando. Quizais a ese home ninguén o botaría en falta e morreu desamparado. Talvez simplemente comezaba a ser unha persoa menos no mundo.

Entón, unha única pregunta ocupou os meus pensamentos: quen me choraría cando morrese? Cando o meu corazón deixe de latexar e os meus ollos se pechen para sempre, quen adoecerá pola miña ausencia? Haberá alguén ao meu lado cando caia o último pétalo da flor?

Cando morra, desexaría que as persoas que verdadeiramente me aman sorrisen entre as bágoas e os lamentos, que esquecesen a dor e lembrasen os momentos compartidos durante a miña vida, fose longa ou curta.

Sobre o infinito prado verde, ao lado da persoa coa que decidise compartir a miña vida, tomados das nosas engurradas mans, mentres contemplamos como se murcha a flor da vida: velaí a miña morte ideal.

Fátima Ezzahra Ibrahimi

IES Luis Seoane [Pontevedra]

Comentarios