Opinión

A vontade do pobo entra na historia

ÁS VECES abre as portas dunha época, como en 1789 co fin do Antigo Réxime. Outras, bota pola ventá conquistas democráticas. Como agora coa entrega desa vontade a populismos autoritarios.

Unha ollada á aldea global mostra un mundo tribal que eterniza no poder a Putin, zar da Rusia de democracia escasa. Defenestra a Lula aupando ao poder ao inquietante Bolsonaro no poderoso país sudamericano. Mantén sobre os cascallos de Venezuela, acolledora sempre e agora con 4.6 millóns de exiliados, a un Maduro que virou de condutor de bus a conducator dictatorial. Que partidos auparon á presidencia da Generalitat a un gris axitador de prontos racistas? A vontade popular colocou no trono do mundo ao excesivo Trump alleo a normas e freos democráticos. Os sustos amoreánse nas portadas: o ultranacionalista hindú Modi, Erdogán e Orbán, abanderados de democracias iliberais. Na Inglaterra do Brexit tramposo, Johnson, epígono do matonismo trumpiano.

A realidade supera ao chiste do mono que pilota o avión. E obriga a preguntar quen está no posto de mando dun planeta que acende luces de emerxencia coa crise climática, deterioro dos ecosistemas, sementeira de plástico nos océanos, delirante concentración da riqueza nai de todas as desigualdades, colapso de especies vivas desde grandes mamíferos a insectos necesarios na trama da vida.

O botín é suculento e estarrecedor: devorar os mellores redutos da familia humana, a ONU e a UE, diana da xenofobia e da insolidariedade dos nacionalismos identitarios. E substituilos polo matonismo do GAFA: Google, Amazon, Facebook, Apple.

Un entusiasmo popular suicida ameaza con volver ao s.XIX e aos demos coñecidos: muros e racismo, limpezas étnicas, deportacións masivas, guerras e fascismos.

Os populismos e os seus muecines, cunha linguaxe trampulleira de limpeza e democracia, prometen solucións fáciles a problemas larvados e complexos. Monopolizan a representación do pobo e negan a alternancia política. Profetas do medo, buscan e atopan inimigos exteriores que ameazan modos de vida e valores. Os que comparten xeografía, historia, relixión, raza contra o inimigo brutal, inculto, delincuente. Ameazan institucións que garanten a convivencia dos diferentes baixo o paraugas de valores democráticos: fóra deles, matonismo e barbarie.

A democracia non é un agasallo senón conquista e cultivo continuado. A vontade popular entrou sempre na historia cos ollos abertos. As sociedades están vivas. O clamor popular activa resortes da xustiza contra os corruptos. O pobo expulsa do poder a tiranos aínda que sexa difícil deter a un elefante barritando na cristalaría do planeta.

Cando a vida, a liberdade, os valores liberais e a mellor democracia están en xogo, paga a pena apostar pola vontade do pobo que fai avanzar a historia.

Comentarios