Blog | TAL COMO ÉRAMOS

Xantares castrexos

A muller, sempre presente na agricultura. DAVID FREIRE
photo_camera A muller, sempre presente na agricultura. DAVID FREIRE

OS ALIMENTOS que constituíron a base esencial do xantar dos galegos estaban presentes na Idade do Ferro. A sociedade dos castros asentouse nunha economía de subsistencia, pero máis diversificada do que se adoita pensar. A alimentación estaba estreitamente vencellada ao ritmo estacional. A recolección continuou practicándose tras da invención dos usos agrícolas, en calidade de actividade complementaria. Outro tanto se podería dicir da caza. Por certo que estas cuestións, en termos xerais, están sendo obxecto de revisión. Juan Luís Arsuaga sinala que no Paleolítico a contribución das mulleres coa recolección de vexetais é equiparable e máis regular que o produto achegado pola caza dos homes. As mulleres sempre tiveron un perfil máis de recolectoras, en tanto que os varóns tivérono primordialmente como cazadores.

Pois ben, Yuval Noah Harari sostén que, en contra do que se viña afirmando, coa invención da agricultura o nivel e a calidade de vida descenderon en relación á época anterior ao Neolítico, na que o sustento proviña da caza e a recolección. Aínda que apenas se dispoñía de excedentes, e vivíase moi ao día, a humanidade con todo practicaba actividades moi variadas, o que a enriquecía e facía máis hábiles ás persoas. Ademais, as mulleres tiñan un papel máis importante na actividade económica. En cambio, coa especialización que levou consigo a agricultura, o seu papel foi menor, os homes especializáronse máis e fixéronse así máis unidimensionais, como diría o vello frankfurteriano Marcuse.

Como queira que fose, a dieta castrexa descansaba sobre un variado conxunto de recursos alimenticios que procedían da explotación dos biótopos terrestres e mariños, mediante unha ampla panoplia de técnicas, tales como a caza, a recolleita, a agricultura, a gandería, a pesca e o marisqueo.

Constátase a dispoñibilidade de varios cereais de inverno e de verán o que permitía a elaboración de diferentes tipos de pans. E todos estes cereais gardábanse en recipientes de grandes dimensións, como podían ser as vasillas, xa que os hórreos aínda non fixeran a súa aparición na paisaxe. Cultivaban varias especies de trigo (entre outras, triticum aestivum, e turgidum, con certas subespecies). Outro cereal que desempeñou un papel relevante foi a cebada. Así mesmo, o panizo ou mijo (primordialmente da variedade Panicum miliaceum) denominado en galego millo miúdo, cultivouse tamén pero semella que non en gran medida, polo que todo parece indicar que non chegou a ter moita importancia na dieta de entón. As aveas están presentes en moitos xacementos, pero aparecen en menor proporción que as restantes gramíneas cultivadas. Pódese inferir, polo tanto, que se aproveitarían en numerosas localidades, pero non con grande profusión.

Polo demais, algún centeo sementouse asemade, pero, consonte coa información arqueobotánica e histórica, este cultivo espallouse polos países meridionais de Europa cara o remate do Imperio Romano. En realidade, non alcanzou verdadeira importancia ata a Idade Media, mercé ao cultivo promovido polas ordes monacais nas zonas frías do noroeste de Europa. Tamén se recollían con proveito as landras.

Na zona portuguesa da cultura castrexa (Mirandela) cultivábanse, no terceiro milenio a.C., as leguminosas, rexistrándose un claro predominios dun tipo de faba (Vicia faba; que difire, por certo, da variedade que se importará séculos despois de América e que terá unha gran difusión), que no mundo antigo se empregaba para facer puré ou mesmo un tipo de pan. Na Galicia de entón (entre a Idade de Bronce e a Romanización) había tamén chícharos (Pisum sativum), que adoitaban utilizarse para facer sopas, aínda que non parece que se consumiran tanto como as fabas. No que concirne ás lentellas, non está claro que se cultivaran. Semella que tampouco se sementaban garavanzos, que en conxunto tiveron moi escasa importancia no marco xeral da agricultura ibérica, cando menos ata que chegou o período medieval. Non existen, do mesmo xeito, evidencias de cultivo de lupinos (Lupinus albus), ervellas (Vicia ervilia), almortas ou muelas (Lathyrus sativus).

Porén, nabos había en abundancia e a verza estaba moi espallada, e cren algúns autores (Fernández Rodríguez, Ramil Rego e Rodríguez López) que se aproveitaría en verde, como ensalada e tamén como forraxe para os animais. Por fortuna, tamén é moi probable que a empregaran asemade para facer o caldo. Por certo que tamén preparaban este sabedeiro condumio con repolo, nabiza e grelo.

A caza tiña notable importancia, destacando a captura de cérvidos e xabarís. No que se refire ao gando, o porcino (de raza celta) era fundamental, os ovicápridos destinábanse ao consumo mentres que o gando vacún reservábase como forza de traballo e ben de prestixio. As idades de sacrificio dos animais domésticos revela o aproveitamento máximo das diferentes especies. Así se rentabilizaban mellor as súas achegas tanto de labor, como tamén cárnicas e doutros derivados (primordialmente a la e máis o leite). Mesmo no que atinxe ás especies que non ofrecen produtos derivados, como podían ser os porcos, postergábase o sacrificio ata o momento en que a achega cárnica resultaba rendible (entre un ano e medio e dous anos de idade). Xa que logo, non se xantaban os bacoriños, nin as tenreiras.

Comentarios