Xeración Sónica: unha ponte entre o RockLab e o Local de Música

Gonzalo Maceira, Violeta Mosquera e Miguel Neira farán de titores de seis bandas de rapaces de entre 13 e 16 anos

Alberto Oubiña, Miguel Neira e Violeta Mosquera CHRISTIAN FERNÁNDEZ
photo_camera Alberto Oubiña, Miguel Neira e Violeta Mosquera. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

As posibilidades de formarse musicalmente, no ámbito do rock e do pop, dende idades temperás, que ofrece o Concello de Pontevedra a través dos seus obradoiros e espazos amplíanse co proxecto Xeración Sónica, que vén de presentarse e para o que está aberto o prazo de inscrición ata o 23 de outubro (http://apuntate.pontevedra.gal). A actividade, que ten un custe de 120 euros anuais («e contaremos con bolsas da Fundación Meniños para familias desfavorecidas»), pretende converterse nunha ponte entre os nenos do obradoiro infantil municipal RockLab (de entre 5 e 12 anos) e os usuarios do Local de Música (onde se pode ensaiar e traballar dende os 16 anos).

«Decatámonos de que quedaba un grupo de rapaces sen atender, nunhas idades especialmente complicadas, entre os 13 e os 16 anos, e decidimos sacar este proxecto adiante», explicou Violeta Mosquera (Bala), que tamén traballa no RockLab. Con outros dous músicos da cidade, Gonzalo Maceira (Furious Monkey House) e Miguel Neira (MLK), será titora de seis grupos de música, aos que guiará en cuestións relativas ao ámbito compositivo, instrumental, interpretativo, etc. «Contaremos cunhas 30 prazas». Cando se peche a inscrición realizarase a selección dos participantes e conformaranse os distintos grupos.

Comentarios