A Xunta aprobará este mes a modificación da Risga para que sexa compatible cun traballo

Feijóo destacou que esta medida aplicarase por primeira vez en Galicia

Feijóo, no Parlamento. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Feijóo, no Parlamento. PEPE FERRÍN (AGN)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que o seu Goberno aprobará durante este mes de decembro a modificación da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) para que a poidan percibir persoas cun emprego, algo que se fará, tal e como destacou, "por primeira vez na comunidade autónoma". 

Así o avanzou Feijóo este mércores, durante a sesión de preguntas ao presidente que se celebrou no Parlamento galego. En concreto, foi interpelado polo portavoz do grupo do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen alertou do "avance na desigualdade" na sociedade galega desde que o PP accedeu ao Goberno autonómico en 2009. 

A iso, o titular da Xunta respondeu que a taxa de pobreza na comunidade se sitúa "por baixo da media española", á vez que os fogares con dificultades para chegar a fin de mes anota "a cifra máis baixa da serie histórica". 

Ademais, Feijóo subliñou que o Goberno bipartito, "en época de bonanza económica, gastaba menos" en política social que a actual Administración autonómica. 

Comentarios