Xunta e Concello de Moraña impulsan a reactivación do sector turístico na vila

Proxectan unha ruta multiexperimental potenciando os requirimentos dos 'novos turistas'
 
2020081512291211444
photo_camera Román Rodríguez e María Luisa Piñeiro durante a reunión de venres en Moraña. CEDIDA

A Xunta de Galicia e o Concello de Moraña impulsarán unha nova ruta turística multiexperiencial nesta vila co obxectivo de favorecer a reactivación do sector potenciando algúns dos requirimentos dos 'novos turistas', como son a saúde, a natureza, a paisaxe ou a tranquilidade.

Precisamente, o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, desplazouse a esta localidade e mantivo o venres un encontro coa alcaldesa da vila, María Luisa Piñeiro, para abordar os detalles deste proxecto.

Un ambicioso proxecto que consta dunha primeira fase na que se identificarán os principais recursos patrimoniais de carácter cultural, natural e gastronómico do concello co obxectivo de crear un produto atractivo enfocado á identificación de experiencias vinculadas co territorio, o turismo cultural, gastronómico e de natureza.

De feito, o Concello de Moraña caracterízase por contar con abundantes restos arqueolóxicos, como menhires, petroglifos, mámoas ou castros, así como unha ampla oferta paisaxística e celebracións da talla da Festa do Carneiro ao Espeto, declarada de Interese Turístico Galego. Entre estas últimas tamén destacan a rapa das bestas o porquiño á brasa e, por suposto, a popular romaría da Virxe dos Milagros de Amil.

A segunda fase do proxecto baséase no deseño da propia ruta, incorporando á mesma empresas turísticas e actividades complementarias para incrementar o seu atractivo e tamén o seu valor experiencial.

Por último, a terceira fase da iniciativa recolle a posta en marcha de traballos de comunicación e difusión da mesma a través de canles como a creación de contidos para a páxina web do municipio.

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, agardou que este proxecto permita impulsar os atractivos turísticos do Concello de Moraña, favorecendo tamén a dinamización económica do municipio e impulsando o desenvolvemento local vinculado a posta en valor da paisaxe, a natureza ou a enogastronomía.

Comentarios