A Xunta declara a emerxencia cinexética temporal en trinta concellos galegos de catro comarcas

Na provincia de Pontevedra, na área do Deza, permítese a caza do xabaril durante todos os días da semana nos terreos cinexéticos, con certas salvedades para as zonas libres, e con comunicación previa á Xefatura Territorial
Propietarios de fincas arrasadas por el jabalí en una plantación de maíz del núcleo de Bordel. RAFA FARIÑA
photo_camera Danos ocasionados polo xabaril nunha leira da provincia de Pontevedra. RAFA FARIÑA

A Xunta de Galicia vén de declarar a emerxencia cinexética temporal polos danos ocasionados polo xabaril nas comarcas de Betanzos- Eume, Terra Chá, Viana e Deza, segundo se recolle nas resolucións que publicaron as Xefaturas Territoriais da Consellería de Medio Ambiente no Diario Oficial de Galicia (DOG) o mércores, día 9.

A decisión foi adoptada polo Goberno galego tras constatar a existencia de danos ocasionados á agricultura, que abrangue a 33 concellos galegos, 76 tecores (terreos cinexéticamente ordenados) e 10 zonas libres.

En base a esta medida, permítese abater ou capturar nun total de 481.170 hectáreas exemplares de xabaril sen límites de cupo de ambos sexos, durante o período hábil de caza, que abranguerá ata o 29 de febreiro de 2020.

As comarcas nas que se declara esta situación son: Betanzos- Eume, Terra Chá, Viana e Deza.

Entre as medidas que se poderán aplicar tras a declaración de emerxencia cinexética temporal nestas catro áreas, destaca a posibilidade de practicar a caza durante todos os días da semana, salvo nas zonas libres nas que se especifican certas salvedades no relativo aos días permitidos: así no período que abrangue ata o 6 de xaneiro de 2020, poderán realizarse cazarías de xabaril o luns, martes, mércores, venres e sábados, sempre que non sexan festivos; e desde o 7 de xaneiro ao 29 de febreiro de 2020, ambos incluídos, poderán efectuarse cacerías os luns, martes, mércores e venres, sempre que non sexan festivos.

Tamén se autorizan medidas de agarda ou espera, de xeito que se poderán agrupar varias xornadas nunha soa comunicación

COMUNICACIÓN PREVIA. En ambos casos deberán realizar unha comunicación previa á correspondente Xefatura Territorial cunha antelación mínima de 10 días naturais. Asemade, os tecores só deberán comunicar as cacerías correspondentes a aquelas xornadas que non estean aprobadas no seu plan anual de aproveitamento da tempada 2019/2020.

Tamén se autorizan medidas de agarda ou espera, de xeito que se poderán agrupar varias xornadas nunha soa comunicación. De xeito excepcional, poderase empregar un visor convencional óptico de aumento durante as prácticas nocturnas e fontes luminosas para a iluminación dos albos ou pezas de caza. Outras das medidas que se habilita con esta situación é que se autoriza aos propietarios dos terreos afectados a realizar, persoalmente ou mediante terceiros, agardas ou esperas, con autorización do titular do aproveitamento cinexético; e se permitirá a captura de exemplares mediante o emprego de gaiolas.

Esta medida tamén será autorizada para os terreos non cinexéticos e, no caso de que non sexan efectivas, permitiranse esperas, previa solicitude do interesado e sempre que se acredite a existencia de danos.

En todos os casos, os exemplares capturados mediante a aplicación destas medidas nas áreas de emerxencia cinexética temporal deberán identificarse mediante precintos e comunicarse á correspondente Xefatura Territorial no prazo de 15 días.

Por último, sinalar a necesidade de colaboración por parte dos concellos e das deputacións provinciais, para que se impliquen nas medidas informativas e preventivas de xestión da biomasa forestal e de control das zona de maleza. Lembrou que as zonas de maleza incontroladas son idóneas para a cría e o asentamento dos xabarís, pois atopan refuxio e, en ocasións, están moi preto de zonas de produción agrícola ou urbanas o que propicia a súa incursión na procura de alimento.

A Federación Galega de Caza apoia o plan
A Xunta de Galicia salienta que a procura de solucións ante o problema que supón o xabaril require necesariamente da colaboración dos cazadores.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, trasladou aos responsables dos tecores da Área do Deza que as Xefaturas Territoriais serán o seu enlace para a posta en marcha das medidas a curto e medio prazo que se prevén executar tras a declaración de emerxencia cinexética temporal desta área da provincia de Pontevedra.

Cómpre destacar que a Xunta conta co apoio e o respaldo ao devandito plan por parte da Federación Galega de Caza, a entidade máis representativa deste colectivo na Comunidade e un interlocutor imprescindible á hora de establecer mecanismos de colaboración entre Administración e cazadores, na adopción de medidas de prevención e control dos danos ocasionados por especies cinexéticas, así como na divulgación entre o sector de información básica para o desempeño da práctica cinexética.

Comentarios