A Xunta publica o proxecto da PO-551 ao seu paso por Moaña e Cangas e abre o período de alegacións

Os interesados e as interesadas en presentar unha reclamación ao plan poderán facelo dende este martes ata o vindeiro 18 de marzo ▶As obras inclúen a execución de beirarrúas e a construción de varias glorietas

Treito no que se levará a cabo o proxecto. XUNTA DE GALICIA
photo_camera Treito no que se levará a cabo o proxecto. XUNTA DE GALICIA

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou o luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de mellora de seguridade viaria na estrada PO-551, ao seu paso polos concellos de Cangas e Moaña. Os interesados en presentar alegacións poderán facelo dende este martes ata o vindeiro 18 de marzo.

O proxecto desenvólvese no treito de dous quilómetros da estrada PO-551, comprendido entre a saída da travesía de Cangas e a intersección de acceso ao colexio de Tirán, no concello de Moaña.

No municipio cangués proxéctase a execución dunha beirarrúa na marxe dereita do punto quilométrico 21+270 ao 21+355, para conectar as existentes na travesía de Cangas coa glorieta do Gordo. Ademais, eliminarase o carril central entre os puntos quilométricos 21+400 e 21+600 e mellorarase a intersección do 21+660 coa execución de cuñas e trasladarase a este punto un paso de peóns regulado por semáforos con pulsador. Este treito tamén pasará a dispor de paradas de autobús.

En Moaña, o proxecto reflicte que se construirán dúas novas glorietas, unha na intersección do punto quilométrico 22+110 fronte ao supermercado existente, e outra no 23+200, no acceso ao colexio. O plan dotará de beirarrúas e pasos de peóns a zona e acondicionará o tramo antigo da estrada existente á altura do punto quilométrico 22+500, con zona de aparcadoiro. Os traballos mellorarán as paradas de bus e ampliarán a plataforma para que estes vehículos non interrompan o tráfico ao parar.

Cómpre lembrar que esta actuación está enmarcada na estratexia deseñada pola Xunta para ter eliminados en 2020 todos os tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas.

PUNTOS NEGROS. A comarca do Morrazo recibiu varios plans dentro de plan que eliminará os coñecidos como puntos negros. Bueu, Cangas, Marín e Moaña son os concellos que, no seu conxunto, reúnen máis tramos con estas características.

A Consellería investiu preto de 3,7 millóns de euros en catro actuacións para suprimir seis puntos negros. Estas obras foron deseñadas para dar solucións diferenciadas e singularizadas a cada un deles. En cada tramo de concentración de accidentes da estrada PO-551 acometéronse actuacións adaptadas a resolver a problemática detectada: creando glorietas, mellorando as interseccións e accesos, rectificando ramais, reordenando xiros ou construíndo carrís centrais de espera.

Comentarios