A Xunta sinala á cambadesa Linamar como exemplo de modernización

Mar achega a 18,4 millóns de euros para diferentes proxectos

Alfonso Rueda e Rosa Quintana, nun intre da vida realizada este venres ás instalacións de Cambados. G. GARCÍA
photo_camera Alfonso Rueda e Rosa Quintana, nun intre da vida realizada este venres ás instalacións de Cambados. G. GARCÍA

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitaron na mañá deste venres Linamar, situado no porto de Tragove, en Cambados, e que resultou beneficiario dunha achega da Xunta para mellorar os seus procesos de produción e venda. Alí, destacaron a aposta da Xunta por mellorar a competitividade das empresas e conseguir un maior nivel de diversificación e diferenciación da oferta, así como modernizar tecnoloxicamente os procesos de produción e distribución.

"Estas axudas", indicou a conselleira, "concédense para impulsar a mellora da eficiencia enerxética"

Neste sentido, a conselleira do Mar trasladou que, para este cometido, o seu departamento destinou máis de 18,4 millóns de euros para a posta en marcha de 50 proxectos o abeiro das axudas para transformación e comercialización de produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura. Así, Rosa Quintana trasladou que precisamente o Grupo Linamar foi beneficiario dunha destas subvencións por importe de máis de 3,3 millóns de euros. Unha axuda dirixida a lanzar novos produtos innovadores e introducir novos sistemas de xestión, organización e medidas de aforro enerxético.

Tal e como sinalou a máxima responsable do departamento autonómico de Mar, este grupo xa realizara un forte investimento para dar maior valor engadido aos produtos e posicionarse con solidez no mercado e para iso contou cunha achega global da Xunta de 1,5 millóns de euros entre 2012 e 2014. "Estas axudas", indicou a conselleira, "concédense para impulsar a mellora da eficiencia enerxética, reducir o impacto no medio ambiente e promover a innovación e a modernización tecnolóxica dos procesos de produción e distribución. Tamén están encamiñadas á mellora das condicións de traballo e de seguridade dos traballadores e da competitividade da empresa", engadíu.

O Grupo Linamar está adicado á transformación e comercialización de moluscos frescos e elaborados de Galicia, especialmente ao mexillón, e emprega a 150 persoas. A empresa conta cun centro de depuración, salas de elaboración, peiraos de carga refrixerados e maquinaria de última tecnoloxía para o envasado dos produtos. Ademais, foi pioneira en desenvolver o envasado en atmosfera protectora para o mexillón, cun sistema que amplía a vida útil do produto e garante unha maior caducidade mantendo a súa calidade e frescura. Actualmente a empresa centra a súa estratexia no lanzamento de produtos elaborados de mexillón de V Gama.

Comentarios