Comarca de Pontevedra

Os poienses rinse de todo e de todos no seu Entroido máis reivindicativo

O Concello de Poio repartiu este domingo máis de 3.500 euros en premios en un desfile de entroido que contou cun gran número de participantes e que congregou a numeroso público en diferentes tramos do seu percorrido.

Desde que o Concello de Poio decidiu unificar todos os desfiles en un, esta cita conta con máis vistosidade e participación. O que non perde a convocatoria é a capacidade crítica e o humor dos seus participantes, que fixeron gala dunha grande capacidade de observación tanto dos asuntos de interese no seu propio municipio, como da actualidade xeral.

Non en vano, o de Poio é un dos poucos entroidos da provincia que premian nunha categoría especial aos concursantes que compiten como choqueiros (unha mezcla de vestimentas vellas e parodia na que non falta o espíritu crítico e burlón) . As críticas tampouco faltaron entre os grupos e nin sequera na categoría infantil. Temas como o narcosubmarino de Cangas, a polémica do paritorio de Verín, o coronavirus, ou cuestións máis locais como a retransmisión dos plenos da Corporación por Youtube ou a iniciativa de protesta do PP Rodea o Concello tamén tiveron eco en forma de disfraces.

No relativo aos premios, na categoría Choqueiro, Canal BBC foi a opción individual máis votada, mentras que os integrantes de Viaxando co Imserso foron elixidos como mellor parella e os de Equipaso, como grupo.

Os premios da categoría especial de animación foron para O que temos que facer, seguido de De agora en diante, o paritorio vai ser ambulante e de El barco de las tentaciones.

En canto aos adultos, o mellor individual foi para o disfraz O invasor indegradable, e o mellor disfraz por parellas, coa mesma temática, levárono Os vikingos da reciclaxe. O grupo seleccionado como gañador foi O desembarco de Aldán.

Outros dos protagonistas desta festa son os nenos e nenas. Para a composición Rodea o Concello foi a recompensa do mellor disfraz infantil. Os Cazamentireiros levaron o galardón como mellor parella infantil e Locoprix fixéronse co premio de grupos.

A Policía Local de Poio e Protección Civil colaboraron no dispostitivo desta festa, cuxo desfile obrigou a cortar a circulación dun tramo da PO-308 e a dar paso alternativo polo Acceso Norte e polo interior de Lourido e Campelo.

Comentarios