Comarca de Pontevedra

Unha 'troita' de récord

Ponte Caldelas baixou este domingo o pano da Festa da Troita. Unha intensa fin de semana, precedida de todo un mes de maio troiteiro, como se denomina xa extraoficialmente á versión descentralizada polo rural da celebración gastronómica.  A festa conclúe con cifras de récord, pois consumíronse en torno a 2.000 quilos de peixe nas modalidades de troita fritida e en escabeche.  

Aos actos do domingo acudiu o deputado provincial Santos Héctor. 

No discurso oficial, o alcalde, Andrés Díaz, destacou o crecemento da Festa da Troita e a total consolidación do maio troiteiro. Cualificou a Festa da Troita como "unha herdanza que hai que coidar e mellorar para deixarlla no futuro aos que veñan a traballar por Ponte Caldelas". Na súa intervención non faltou unha defensa do río Verdugo coa proclama de Trasvase non!.   O Goberno local fai unha valoración moi positiva tanto desta fin de semana como de todo o mes, recalcando que "estamos diante dun evento dunhas dimensións únicas en Galicia e mesmo en toda España, pois non hai precedentes dunha festa gastronómica descentralizada por todo o territorio e cunha duración real dun mes". 

A música e o baile tiveron especial protagonismo durante esta fin de semana. O remate estivo a cargo do grupo Os Coribantes de Buchabade, acompañados dos seus amigos e o coro tradicional de Alxán. 

A xornada de hoxe comezou coa entrega aos gañadores do concurso de pesca, no que se impuxo o pescador local José Antonio Lorenzo. Por clubs gañou tamén o club local, a Sociedade Verdeseixo. A troita máis grande capturada correspondeu ao pescador de Rivadavia Roi Juan López, cun exemplar de 45,2 centímetros.

Comentarios