Controlado un incendio que arrasou dez hectáreas en Mesego, Cuntis

As lapas mantivéronse a máis de 500 metros da zona habitada máis próxima, polo que non houbo perigo para as vivendas

Efectivos dos servizos antiincendios, en Cuntis. CONCELLO DE CUNTISEfectivos de Medio Rural, de Emerxencias de Cuntis e de Emerxencias da Estrada combinaron esforzos desde pasadas as cinco da tarde deste luns para sufocar o incendio declarado en montes da parroquia de Mesego, Cuntis, que afectou a máis de dez hectáreas de monte arboledo e raso, segundo confirmou a Consellería do Medio Rural.

O lume declarouse antes das 18.00 horas, e desde o Concello dábano por controlado ao redor das 22.00 horas. Aínda que nese momento fontes de Medio Rural non podían dar por estabilizadas oficialmente as lapas, si consideraban que estaban a piques de completar esta tarefa. A esa hora superábase a estimación aproximada de dez hectáreas, aínda que faltaba aínda a medición definitiva.

Na extinción traballaron tres axentes, once brigadas, sete motobombas e unha pa. Tras unhas tres horas de traballo, tiveron que retirarse, por falta de luz os medios aéreos que reforzaban estes labores: catro helicópteros e dous hidroavións.

O alcalde, Manuel Campos, seguiu os traballos desde o monte e aclarou que o Concello tamén achegou medios á extinción. Ademais do seu equipo de Protección Civil, un tractor e un camión.

A pa retroescavadora iniciou os traballos para realizar unha devasa nunha zona de monte raso na que se pretende atallar definitivamente o principal foco. En canto á proximidade de vivendas, a última hora da tarde as chamas situábanse a máis de 500 metros da zona habitada máis próxima, polo que, a pesar da necesidade de persoal para atallar as chamas, os traballos desenvolvéronse coa tranquilidade de que estas estaban afastadas das vivendas.

á última hora, algúns dos efectivos que participaron nesta extinción, entre eles os de Emerxencias A Estrada, partían cara a un novo incendio forestal, en Forcarei.

Comentarios