O estradense acusado de abusos sexuais di que "xamais" tocou á denunciante

A moza declarou que o home lle acompañou a casa tras sentirse indisposta e meteuse espido con ela na cama para forzala

Miguel F., un mozo da Estrada que está acusado de abusar sexualmente dunha amiga tras unha noite de festa, asegurou este mércores ante o tribunal da Audiencia de Pontevedra que "xamais" mantivo un encontro sexual coa vítima e que tan só a auxiliou durante unha indisposición.

A preguntas do fiscal, o acusado enmarcou a denuncia da moza na posibilidade de que "querería algo comigo" ou porque intentaba obter unha compensación económica.

A vítima, que declarou protexida detrás dun biombo, corroborou a denuncia presentada no seu día e explicou que os feitos sucederon o 25 de agosto de 2016, logo de saír de festa co acusado e con outros dous amigos.

Explicou que sentiu "indisposta" tras tomar tres cuncas de viño e Miguel F. ofreceuse a acompañala á súa casa onde, segundo o seu relato, espiuna e deitouse con ela para forzala sexualmente, aproveitando que se atopaba en estado de seminconsciencia.

A denuncia presentouna un mes máis tarde dese episodio porque "me atopaba moi mal" e, desde entón, recibe tratamento psicolóxico por continuos episodios de ansiedade.

O acusado recoñeceu que acompañara á moza á súa casa aquela noite e que lle quitou a roupa, salvo o interior, e que se tombou ao seu lado na cama ata que ela quedou durmida, pero negou de xeito reiterado tela agredido.

Durante os días seguintes, explicou, ambos mantiveron unha relación "normal", intercambiábanse mensaxes a través de aplicacións de mensaxería e a moza incluso acudiu á súa festa de aniversario.

As forenses, con todo, aseguraron que o relato da muller é "crible" e que as secuelas psicolóxicas que sofre son "propias" dunha vítima de agresión sexual.

A Fiscalía mantivo a petición de seis anos de prisión contra Miguel F., pena que a acusación particular eleva a dez anos e unha indemnización de 100.000 euros.

A avogada da defensa solicitou a absolución do mozo, ao entender que os feitos denunciados non quedaron acreditados.