Adega e a Fundación Eira promoven unha plantación de teixos en Agolada

A actividade terá como escenario Ramil e conta con apoio da Universidade de Santiago
Unha imaxe da Eira da Xoana. LOLI QUINTEIRO
photo_camera Unha imaxe da Eira da Xoana. LOLI QUINTEIRO

A asociación ecoloxista Adega e a Fundación Eira, coa colaboración de Bodegas Lodeiros e o LIFE Baccata do Ibader (Universidade de Santiago de Compostekla), organizan unha actividade de plantación de teixos para poñer en valor esta árbore milenaria que está a desaparecer do territorio. A cita é o sábado, día 6.

Esta actividade terá lugar en parcelas custodiadas pola Fundación Eira en Ramil (Agolada), e servirá de experiencia piloto para promover unha campaña de maior envergadura que será impulsada por esta Fundación e Adega.

A campaña chamarase O Teixo: tempo ao tempo, e tratará de poñer en valor esta especie de árbore de crecemento lento que posúe un elevado simbolismo na cultura de Galicia.

METÁFORA. Asemade, servirá de metáfora para reivindicar un estilo de vida pausado, que sexa respectuoso co medio natural, cos hábitats e coas especies, acompañando os tempos da natureza dándolle tempo a o tempo.

Para esta actividade, os organizadores contan coa participación de Bodegas Lodeiros, que a través do seu Proxecto Camiño Natural, inician, por unha banda, unha aposta pola sustentabilidade na produción e elaboración dos seus produtos; e por outra, participan en diferentes entidades ecoloxistas e ambientais e na realización de accións que teñan como obxectivo a conservación de hábitats e especies en situación de vulnerabilidade.

Dispoñen, tamén, co asesoramento e colaboración do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), pertencente á USC e impulsor do proxecto Life Baccata, que pretende traballar pola conservación e restauración do hábitat prioritario do teixo, actualmente ameazado e en regresión, aplicando medidas de protección e xestión forestal necesarias que promovan a mellora do estado de conservación e restauración do teixo e dos teixedais, fomentando a súa rexeneración natural.

Ás 11.00 hora será o Encontro na Eira da Xoana e a presentación da campaña. Despois comezará a plantación e ás 14.00 será o turno para xantar. O remate da xornada está previsto ás 16.30.

Os promotores subliñan que serán respectadas as indicacións pertinentes en relación á situación de pandemia provocada pola covid-19, dependendo da situación sanitaria no momento de realización da actividade.

INSCRICIÓN. As prazas son limitadas e as persoas interesadas deberán inscribirse enviando un correo electrónico ou por teléfono. No momento da inscrición será informadas do material necesario que deberá levar cada voluntario participante, ademais de comida e auga.

Este trámite pode facerse chamando ao teléfono 981 57 00 99 (Paco Bañobre) ou nos enderezos electrónicos: [email protected], [email protected], www.adega.gal e http://eiradaxoana.gal/.

Comentarios