O alcalde de Cuntis solicita que se suspendan as batidas de caza no concello

Campos considera que "estando suspendida toda actividade non esencial, non nos parece lóxico que se poida entrar no noso termo municipal dende outras zonas con moitos contaxios"​

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos. DP
photo_camera O alcalde de Cuntis, Manuel Campos. DP

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, anunciou este domingo que desde o goberno local solicitarase a suspensión das batidas de caza que se celebran cada fin de semana no concello.

"Non temos nada contra a actividade cinexética pero, por responsabilidade e por sentido común, non consideramos adecuado que a día de hoxe veñan cazar a Cuntis persoas doutros concellos nos que tamén permanece activo un cerre perimetral", apuntou o rexedor.

Campos considera que "estando suspendida toda actividade non esencial, non nos parece lóxico que se poida entrar no noso termo municipal dende outras zonas con moitos contaxios para practicar a caza".

O alcalde informa de que este domingo hay 37 casos activos, tres máis que na xornada anterior, "o que dispara a incidencia ata uns 800 casos por cada 100.000 habitantes".

Neste contexto, Campos pide "extremar as precaucións". "Estamos ante unha enfermidade moi seria que temos que vencer co esforzo e a responsabilidade no individual e no colectivo. Sei que é moi duro ter que renunciar a tantas cousas que valoramos nas nosas vidas e no noso día a día, pero se queremos saír cando antes deste pesadelo non queda outra. O esforzo de hoxe será a recompensa de mañá", apuntou.

O rexedor insistiu na importancia de "non saír da casa se non é por cuestións de primeira necesidade ou por unha urxencia. O virus non se move só, movémolo as persoas, de modo que reducir a interacción persoal é o mellor método para frear a cadea de contaxios".

Campos lembra que as forzas de seguridade "seguirán intensificando a vixilancia e non dubidarán en sancionar a aquelas persoas que incumpran poñendo en risco a saúde de todas as demais". Deste xeito insiste en empregar correctamente a máscara, reforzar a hixiene de mans, e cumprir o toque de queda, ademais de evitar as xuntanzas de máis de catro persoas non conviventes e respectar os peches perimetrais. "Nestas condicións as posibilidades de contaxio reducense enormemente, tal e como indican os expertos", apunta.

Comentarios