Amil serve máis de 140 'porquños' á brasa

Miles de persoas gozaron dun gran día de festa na carballeira dos Milagres

A mil supera as súas cifras do ano pasado con preto de 3.000 asistentes á tradicional festa de porquiños á brasa. Durante a xornada do domingo degustáronse preto de 140 pezas desta saborosa carne ao espeto, que á brasa, é toda unha especialidade na zona de Moraña.

Máis de 60 porquiños preparáronse para a comida da asociación, 26 para repartir a particulares e outros 50 para un catering.

Estas cifras deixan un balance moi positivo da XXIX edición desta festa gastronómica, que crece ano tras ano en número de asistentes que reservan o último domingo de agosto para achegarse ata Amil para comer porquiño á brasa e gozar dunha xornada festiva.

porquiños. RAFA FARIÑA

Os lotes que se repartiron para grupos de 20 comensais por un prezo de 300 euros, constaban dun porquiño de entre 14 e 16 quilos, dúas empanadas dun quilo e medio de zorza e bacallau con pasas, doce botellas de viño barrantes, seis botellas de auga, dúas bolas de pan, dúas bicas, café e augardente.

A festa comezou o sábado pola tarde con xogos tradicionais infantís.

O punto álxido dos festexos foi o domingo. Ademais da comida popular, a festa de Amil contou con outros plans de lecer para todos os públicos.

Ás 12.00 horas tivo lugar un obradoiro infantil dirixido polos monitores do grupo GAIA de Poio e unha actuación de danza tradicional da man do grupo Seixebra. Ás 14.00 procedeuse ao sorteo de porquiños e comezou a degustación.

Asistentes. RAFA FARIÑA

A xornada estivo amenizada polos grupos de gaitas Chinguilipé de Moraña e Airiños dá Fracha de Ponte Caldelas. Tras a comida, realizouse outra rolda de xogos tradicionais, pero esta vez os protagonistas foron os adultos, que gozaron da tarde sacando o seu lado máis infantil.

Comentarios