Ana Pontón: "Rueda chegou de rebote pola corrupción do Partido Popular"

A voceira nacional do BNG mantivo este sábado un encontro coa veciñanza de Lalín e asegurou que co cambio na Presidencia da Xunta de Galicia comeza "o fin do ciclo" dos 'populares'
undefined
photo_camera Unhas 200 persoas participaron onte no encontro coa nacionalista Ana Pontón. DP

Co cambio do titular da Presidencia na Xunta de Galicia comeza "o fin do ciclo do PP" á fronte do Goberno galego. Así o asegurou onte a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, que non dubidou en afirmar que Alfonso Rueda chegou a presidente "de rebote pola corrupción do Partido Popular".

Fíxoo despois de que un veciño da capital dezana lle preguntase pola súa opinión do relevo na Xunta de Galicia, durante un encontro coa cidadanía no marco da rolda de encontros sociais que o Bloque está desenvolvendo para coñecer de primeira man cales son as necesidades e as cuestións que máis preocupan nos pequenos e medianos concellos e incorporalas ao programa electoral municipal marco que se presentará de cara ás próximas eleccións municipais.

Desta maneira, acompañada do voceiro do BNG lalinense, Francisco Vilariño, Ana Pontón mostrouse totalmente transparente e cercana fronte ás arredor de duascentas persoas que acudiron á Praza da Igrexa para transmitirlle á nacionalista as súas inquedanzas e preocupacións. Así, preguntas para coñecer a súa opinión sobre os servizos públicos, sobre a sanidade ou sobre os eólicos centraron o encontro da veciñanza coa nacionalista, durante o cal Ana Pontón comprometeu o apoio do BNG na defensa da sanidade pública e do sector agrogandeiro da comarca.

De feito, definiu ao Deza como "exemplo potencial que hai no interior e no rural", cunha capacidade que, segundo subliñou, "necesita tanto na Xunta como no Concello un goberno que en vez de restar, sume, que en lugar de buscar culpables, busque solucións e que dea alternativas".

Entre outras cuestións, Pontón defendeu a necesidade de fortalecer o sector agrogandeiro do Deza cunha aposta clara pola formación e a innovación e, neste sentido, propuxo que a comarca conte con ciclos formativos dirixidos ao sector para aproveitar ao máximo o seu potencial. Así mesmo, comprometeu tamén o traballo da organización nacionalista no Congreso para acadar, como mínimo unha rebaixa nas peaxes da autoestrada Lalín-Santiago.

Urxencias: o CIS e unha nova ambulancia
Ana Pontón fixo fincapé en dúas das urxencias para a comarca: a ambulancia medicalizada e un novo centro de saúde integrado. "É impresentable politicamente que O Deza non conte cunha segunda ambulancia con soporte vital avanzado, a pesar de que se prometeu á cidadanía e mesmo se lle mentiu, porque segue sen contar con este recurso necesario para mellorar a Atención primaria e salvar vidas", afirmou, e engadiu que, para o BNG, esta é "unha débeda que hai que saldar coa cidadanía de toda a comarca".

De igual xeito, considerou "unha burla" que o prometido Centro Integrado de Saúde que tiña que estar finalizado en 2019 siga sendo "unha promesa que non se materializa" e incidiu na urxencia, non só da infraestrutura, senón da súa completa dotación con "máis especialidades e máis persoal, porque seguimos tendo unha Atención Primaria colapsada".

comentarios