Arde por completo un tractor que circulaba por A Estrada

Efectivos de urxencias tiveron que sufocar outro outro incendio nun turismo no parking público da Avenida de América

Tractor calcinado. EMERXENCIAS A ESTRADA
photo_camera Tractor calcinado. EMERXENCIAS A ESTRADA

Emerxencias A Estrada acudiu na tarde deste martes á extinción dun incendio declarado nun tractor que circulaba pola estrada que une Ribela e Codeseda, á altura da primeira parroquia. O seu condutor conseguiu arrimar o vehículo á beiravía da pista cando detectou o lume. O tractor ardeu por completo, pero puido salvarse a rozadora que levaba enganchada. Ocorreu sobre as 18.20 horas e non houbo que lamentar feridos.

Antes os efectivos de urxencias estradenses acudiron a outro incendio nun turismo no parking público da Avenida de América próximo ao Novo Mercado. Á súa chegada, o lume xa fora extinguido polo propietario do coche.

No municipio estradense tamén se produciu un accidente de tráfico na tarde do martes, cunha persoa ferida leve. Sucedeu na estrada que une A Estrada con Forcarei, á altura do Restaurante Don Juan. Víronse implicados tres vehículos e afectado un poste.  

Comentarios