A artesá Elena Ferro será a Valedora da Empanada da Bandeira

A zoqueira recibirá o galardón durante a celebración da Festa da Empanada da Bandeira o día 24 de agosto
Elena Ferro. SUSANA MILNES
photo_camera Elena Ferro. SUSANA MILNES

A coñecida artesá natural de Vila de Cruces Elena Ferro, creadora da marca Eferro recibirá este ano o título de Valedora da Empanada, galardón que se lle entregará durante a Festa da Empanda da Bandeira. Esta tradicional cita gastronómica celebrarase o día 24 de agosto, cuarto sábado do mes.

No acto de nomeamento, a zoqueira recibirá o xa coñecido Mandil dos Valedores e Valedoras e a figura do carballo, símbolo do máximo recoñecemento outorgado pola Festa da Empanada da Bandeira e da unión da persoa galardoada á vila silledense a través das raíces desta árbore tan representativa da cita.

O presidente da Asociación Amigos da Empanada da Bandeira, Andrés Seoane, puxo en valor a figura de Elena Ferro e asegurou que é "unha auténtica honra e un orgullo contar con embaixadoras da talla de Elena, xa que ademais da súa brillante carreira profesional, é unha persoa comprometida coa nosa cultura e que representa á perfección os valores que defendemos na Festa da Empanada". Ferro xa colaborara noutras ocasións coa festa, sendo a creadora do cartel da súa 46 edición.

Esta distinción honra a persoas influíntes en diversos campos, as cales asumen o compromiso de defender a empanada e a festa, converténdose en embaixadores dun dos produtos máis emblemáticos da gastronomía galega. En anos anteriores foron nomeados figuras como o xornalista Pepe Domingo Castaño, a chef Lucía Freitas ou a actriz Lucía Veiga.

Comentarios