Un autobús e un taxi para a veciñanza, as novas propostas do PSOE de Lalín

► Estas iniciativas pretenden facilitar os desprazamentos a lugares clave do casco urbano e as viaxes entre o rural e o centro da vila, apostando pola conciliación e a sustentabilidade
Nicolás González, Alba Forno e María Luz Iglesias.
photo_camera Nicolás González, Alba Forno e María Luz Iglesias.

O PSOE de Lalín levará no seu programa electoral a posta en marcha na capital dezana dun autobús e dun taxi 360 que facilite os desprazamentos dos veciños e veciñas no casco urbano e entre o rural e o centro da vila.

A candidata á Alcaldía socialista, Alba Forno, explicou que "cando me presentei a candidata dixen que escoitar á veciñanza ía ser unha das miñas premisas, e o que hoxe presentamos aquí é froito desa escoita veciñal". Ademais, recordou que son propostas que se retoman de pasadas eleccións pero que non se materializaron. Trátase de dúas iniciativas enmarcadas no plan de mobilidade dos socialistas "que levaremos a cabo se chegamos á Alcaldía".

O Bus 360 "trataríase dun bus urbano e periurbano que serviría para conectar puntos clave do noso concello", como poden ser os centros educativos, os deportivos, o CIS ou polígonos industriais. A idea é que o autobús teña "uns horarios fixos e atendendo sempre á demanda e ás necesidades de cada parada". Por que é necesaria esta medida? Forno explica que, "entre outras cousas, hai xente maior que vive no casco urbano que para ir a unha cita médica ten que depender dun taxi ou dun familiar". O bus tería "unha tarifa moi axustada, un custo moi pequeniño e podería mercarse por viaxe ou bonos", precisa. Sería gratuíto para as persoas máis vulnerables.

Ademais, esta iniciativa "sería unha medida para a conciliación", así como para fomentar o turismo en época vacacional e, "por suposto potenciará a sustentabilidade da nosa vila e servirá para combater o cambio climático porque evitaremos centos de desprazamentos diarios", apuntou.

Pola súa banda, o Taxi Lalín 360 serviría para "potenciar o noso rural e conectalo co casco urbano", indicou a edil socialista María Luz Iglesias, "que é algo que agora mesmo non é algo sinxelo". Iría dirixido principalmente a persoas maiores, xente que non ten carné de conducir ou con mobilidade reducida e de baixos recursos. "A xente podería solicitalo a través do Concello e daríaselle un número de vales para poder empregalo", explicou. A proposta pasa por realizar un convenio co colectivo de taxis, onde se plantexa a posibilidade de que os coches sexan compartidos "para facer un aforro nos usuarios co copago e aproveitar un servizo para máis xente". Ese copago "sería moi reducido, só para incentivar o feito de compartilo para que así se xere unha responsabilidade de uso". Esta medida, según apunta María Luz Iglesias, "potenciará a sustentabilidade do concello e ademais permitirá en gran medida a conexión entre o rural e o urbano".

Ambas as dúas propostas enmárcanse no Plan de Mobilidade do PSOE e que ten como obxectivo "facilitar a vida da cidadanía, fomentar en certa medida o turismo e tratar de dinamizar a vila".

Financiación: A través de fondos europeos

Nicolás González explicou que estas propostas poden ser financiadas a través dos fondos europeos Next Generation, que contempla axudas para a transición ecolóxica. "Xa van dúas convocatorias para a mobilidade sostible para este tipo de solucións", tanto para a adquisición dos vehículos como para a súa posta en marcha.

Comentarios