O autocovid e Maradona chegan ao Belén de Valga

O nacemento, que se inaugurou nun acto a porta pechada, conta con arredor de 4.500 figuras entre as que se atopan como novidade Maradona, Joe Biden ou Pau Donés
17.30 Valga. Inauguración Belén de Valga. Rúa Nova S/n Campaña P0-548, domingo, 6 dic · 17:30–17:30
photo_camera Maradona, no belén de Valga. GONZALO GARCÍA

O famoso Belén de Valga xa está en movemento. O alcalde, José María Bello Maneiro, a presidenta de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a presidenta da asociación Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras, inauguraron este domingo pola tarde o nacemento, nunha edición marcada sen dúbida pola pandemia, pero tamén pola celebración do 25 aniversario desta actividade, a máis representativa do Nadal no municipio. Debido ás restricións sanitarias, o acto de apertura celebrouse a porta pechada.

O Belén conta con arredor de 4.500 figuras feitas todas de xeito artesanal, así coma as construcións e edificios, algúns deles réplicas de infraestruturas públicas de Valga, coma a Casa do Concello, o Auditorio Municipal, o Museo ou o Centro de Interpretación da Caña do País.

O nacemento do Neno Xesús, a escena central da montaxe, comparte espazo con outras secuencias propias da tradición de Nadal, con paisaxes e costumes galegas, con acontecementos de relevancia mundial e persoeiros dos ámbitos político, cultural e social. Moitas das escenas están dotadas de movemento.

17.30 Valga. Inauguración Belén de Valga. Rúa Nova S/n Campaña P0-548, domingo, 6 dic · 17:30–17:30

Esta edición ten como novidade principal a pandemia da covid-19, que está a marcar a actualidade durante todo este ano. A recreación da pandemia ocupa toda unha sección do Belén.

A edición deste ano está marcada, ademais de pola pandemia, pola celebración do 25 aniversario desta actividade

Un hospital no que o personal sanitario traballa arreo para curar aos pacientes infectados; o autocovid, as probas diagnósticas nas que os hospitais galegos foron pioneiros; as residencias de maiores tan afectadas polo virus; ou a compra compulsiva de papel hixiénico nas primeiras semanas da pandemia copan o protagonismo nun nacemento no que as máscaras faciais son xa un complemento máis das figuriñas.

No apartado político unha das principais novidades é a vitoria electoral de Joe Biden en Estados Unidos. Tamén se renovan algunhas das escenas protagonizadas por celebrities, co enfrentamento entre Isabel Pantoja e o seu fillo Kiko Rivera coma principal expoñente.

GALERÍA  ► De Maradona ao Autocovid 

En clave local, incorpóranse os novos centenarios do municipio: Regina Grela Fernández e Hipólito Cerqueiras Pardal, que este ano acadaron o século de vida. Únense así a María Josefa Senín Otero, que ten 102 anos, e María Bouzas Senín, a avoa de Valga con 104.  

A sección de deportes é unha das máis renovadas, co novo triunfo de Rafa Nadal en Roland Garros ou a frustrada saída de Messi do Barcelona. Os falecementos de Maradona, Michael Robinson e Kobe Bryant son outras das noticias deportivas que se inclúen na montaxe. Non son únicos persoeiros falecidos aos que se lembra no Belén, xa que tamén están representados Lucía Bosé, Rosa María Sardá e Pau Donés.

A principal homenaxe póstuma desta edición recae en José Ramón Rial Becerra, Mon, funcionario do Concello e membro do colectivo Amigos do Belén, que faleceu este verán.

Comentarios