Calamaro levanta as expectativas do día de peche do Portamérica 2019

O artista arxentino sairá ao escenario ás once da noite deste sábado

Calamaro
photo_camera Calamaro. DP

O artista arxentino Andrés Calamaro preside este sábado o cartel da última xornada do festival Portamérica, que se celebra en Caldas de Reis, e cuxa presenza espertou expectación nunha cita coñecida por conxugar no escenario a artistas nacionais e a outros de ascendencia latina.

O músico porteño forma parte, sen dúbida, da banda sonora das vidas de moitos dos que este sábado pola noite prometen encher o recinto da Carballeira de Caldas de Reis, onde ás 23.00 horas Calamaro sairá ao escenario Rías Baixas para presentar en directo os temas do seu último traballo, Cargar la suerte (2018).

No entanto, espérase que o autor, que recentemente volveu saltar á palestra mediática tras unhas polémicas declaracións de corte político, non obvia aqueles clásicos que o acompañan alá onde vai, tanto da súa carreira en solitario como da súa etapa como membro do histórico colectivo de rock arxentino Los Rodríguez.

Estadio Azteca, Flaca, ou Me estás atrapando otra vez, son parte do patrimonio inesquecible dun artista controvertido e inquedo, a medio camiño sempre entre a xenialidade e os delirios de grandeza, que se converteu co tempo nunha figura de referencia da música latinoamericana deste século XXI.

Ademais do concerto de Calamaro, o Portamérica reservou para o seu último día os concertos de músicos españois de consolidada traxectoria como Depedro ou Sidecars, xunto a outras propostas como a de Mon Laferte, cantautora chilena de grande éxito no seu país de orixe e cuxa música aínda non calou fondo en terreo nacional.

Comentarios