Caldas aposta pola creatividade na programación do 'Cultura Quente'

Os actos, divididos en cinco bloques temáticos, terán aforamento limitado para cumprir coa nova normativa da Covid-19
Presentación del cartel del 'Cultura Quente'. CEDIDA
photo_camera Presentación do cartel do 'Cultura Quente'. CEDIDA

O Concello de Caldas de Reis deu a coñecer onte a programación cultural para este verán, que se presenta baixo o nome do seu emblemático festival Cultura Quente e que se desenvolverá do 16 de xullo ao 22 de agosto. Segundo destaca o Goberno local, "as actividades deseñáronse apostando claramente pola creatividade dos artistas locais e adaptando todo o programa as condicións da nova normalidade". Os eventos desenvolveranse en varios espazos da vila co obxectivo de dinamizar os sectores de comercio e hostalería, á vez que se ofrece apoio ao sector cultural local. 

O festival estará integrado por cinco bloques temáticos ou centros de interese, que son a Música da escola, que terá lugar todos os xoves en direrentes rúas de Caldas protagonizada por música instrumental de artistas da Escola Municipal de Música de Caldas de Reis; Son Cileno, que achegará ás prazas da vila todos os venres e sábados concertos de músicos e bandas da localidade; Vermú de Domingo, que encherá as rúas de alegría á hora do vermú con grupos de gaitas, fanfarrias e charangas que desfilarán en pasarúas, ademais dos xigantes e cabezudos; Brincadeira, que lle dá nome ao apartado deportivo do programa estival, coa celebración de distintas actividades para nenos e nenas e fitness para adultos, así como un campamento urbano que terá lugar a última semana de xullo; e o Cultura Quente, que integrará a mostra de arte urbano Kaldarte 2020 e unha exposición de fotografía no Auditorio Municipal. 

As actividades desenvolveranse do 16 de xullo ao 22 de agosto, de xoves a domingo

A programación para o mes de xullo correspondente propiamente ao Cultura Quente comezará o día 17 con Pequena Gran Compañía e o 18 coa actuación de Soúldiers. No entanto, o día 16 terá lugar como actividade previa unha sesión de contos para adultos con Ángeles Boás. 

O 23 será a quenda do grupo Chorinhos e Afíns, para dar paso o venres 24 ao concerto dos Meninos e o sábado 25 a Os d'Abaixo. O 30 actuará o Trío Kalani e o venres, día 31, Gradín Tom & Reverendo. Os concertos distribuiranse entre o Campo da Torre, a Praza das Palmeiras e A Tafona. 

Todos os actos de desenvolverán adaptados conforme á situación da nova normalidade e terán límite de aforamento para cumprir coa normativa fronte á covid-19 en cada tipo de evento. Só será necesario realizar a inscrición previa para as actividades de Bricadeira. Para os demais eventos, a entrada será libre ata completar o aforamento permitido en cada caso. Os criterios de hixiene e distanciamento serán tamén fundamentais á hora de celebrar este Cultura Quente que chega a edición número 23. 

O programa foi presentado o martes 7 de xullo na Praza dás Palmeiras coa presenza dos concelleiros María López, Inés Fuentes, Manuel González e Jacobo Pérez. A titular de Cultura, María López, sinalou que "a programación foi deseñada co obxecto de darlle protagonismo aos artistas e creadores locais que se viron moi afectados pola crise sanitaria e a cancelación de eventos, ao tempo que buscamos que teña un impacto positivo sobre a actividade comercial e hostaleira con numerosas actividades para todos os públicos espalladas por diferentes recunchos dá vila".

Comentarios