Caldas fai obras de urxencia para dotar de seguridade a zona da fábrica da luz

As actuacións consistiron na revisión, balizado e sinalización das dez edificacións que compoñen o conxunto
As edificacións foron balizadas co fin de evitar o potencial perigo para visitantes e sendeiristas. CEDIDA - Fábrica da Luz - Caldas de Reis - INTERIOR
photo_camera As edificacións foron balizadas co fin de evitar o potencial perigo para visitantes e sendeiristas. CEDIDA

O Concello de Caldas de Reis vén de finalizar un proxecto de actuacións urxentes destinado a dotar de seguridade o conxunto da antiga central hidroeléctrica situada en Segade de Arriba, na parroquia de San Andrés de Cesar. A coñecida como fábrica da luz, remóntase a 1899 e serviu naquel momento para abastecer de luz eléctrica a municipios como Cambados, Vilagarcía, Padrón e Caldas. En 2017 a parcela na que se atopa a edificación, moi próxima á cascada de Segade, foi adquirida polo Concello co apoio da Deputación.

As actuacións levadas a cabo foron realizadas en base ao proxecto técnico elaborado polo arquitecto Julio Besiga co obxecto de garantir a seguridade do conxunto ante a afluencia de visitantes. A intervención constitúe unha fase preliminar dentro dun plan máis amplo que se desenvolverá proximamente co fin de recuperar e poñer en valor este espazo natural, cultural e paisaxístico.

As obras consistiron na revisión, balizado e sinalización das dez edificacións que compoñen o conxunto, marcando a prohibición de acceso a aqueles espazos que podían presentar un maior perigo por caída de cascallos. Entre os edificios que se sinalaron atópanse dúas antigas vivendas, a cheminea de ladrillo, tres muíños e varias estruturas anexas á nave principal. Tamén se revisou o estado dos muros estruturais para evitar a súa caída e desbrozouse a contorna das edificacións. Aqueles espazos accesibles que debido ao deterioro do edificio presentaban un potencial risco foron cerrados co fin de evitar a proximidade de visitantes e sendeiristas.

En próximas actuacións prevese o desbroce e limpeza de toda a vexetación presente na estrutura e que provoca o deterioro da edificación. Tamén se executarán traballos destinados a protexer os encabezamentos dos muros e garantir a súa estabilidade e realizarase unha avaliación estrutural de todos os edificios, así como da cheminea. Por último realizarase a caracterización da cimentación dos muros e do terreo de apoio.

Manuel González, concelleiro de Obras e Infraestructuras destacou a importancia da intervención e salientou que "aínda que se trata dun proxecto provisional e preliminar foi moi necesario para facilitar a visita segura ao conxunto e fomentar a posta en valor da contorna".

Comentarios