Caldas finaliza a reparación da pontella de Segade

O Concello realizou con urxencia esta actuación para devolverlle a estabilidade ao conxunto danado polas crecidas do río Umia
Pontella de Segade. CEDIDA
photo_camera Pontella de Segade. CEDIDA

O Concello de Caldas de Reis vén de finalizar as actuacións urxentes de reparación na pontella de Segade para devolverlle a estabilidade ao conxunto danado polas crecidas do Umia. Estes traballos leváronse a cabo como paso previo á súa restauración integral que se levará a cabo coa finalidade de devolvela ás súas condicións orixinais e favorecer a súa conservación.

As obras foron executadas pola empresa Emdesfor 2002 SL baixo a dirección do arquitecto Luis Gil Pita. Así mesmo, debido á meticulosidade necesaria na actuación, tamén se contou coa participación de canteiros de Poio especialistas en intervencións fluviais.

Esta infraestrutura etnográfica singular está protexida polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e sitúase no lugar de Segade de Abaixo, a escasos 500 metros do casco urbano de Caldas.

Os traballos executados foron dirixidos a restablecer a cota orixinal do alicerce e do piar central desencaixados polas continuas crecidas do pasado inverno e así recuperar o nivel horizontal da ponte e permitir que a cota de apoio dos linteis de paso volvesen á súa posición natural. Segundo explica o Concello, durante a desmontaxe observouse no fondo do leito a presenza dun elemento solto do alicerce da cepa de apoio que xa se perdera con anterioridade e fora desbotada nunha probable antiga reparación. Este elemento mostra una cara curvada que servía en orixe para reorientar a dirección do caudal co obxectivo de evitar o desgaste da auga na subbase. Debido á súa utilidade procedeuse á súa recolocación na súa posición e cota orixinal.

O concelleiro de Obras e infraestruturas, Manuel González, puxo de relevo "a dificultade dos traballos levados a cabo na ponte coa finalidade urxente de evitar un maior deterioro". "A obra deixou resolta a forma orixinal da pontella e a estabilidade asegurada, recuperando o paso natural para o paso dos veciños e visitantes, sen aportar ningún elemento, materia ou técnica non propia ao elemento etnográfico", explicou. Nesta liña lembrou que, unha vez efectuada esta actuación previa o Concello continuará co bpara levar a cabo restauración deste elemento patrimonial. Así mesmo reafirmou o compromiso do Concello pola conservación e posta en valor das múltiples pontes presentes en Caldas de Reis a través do plan Pontes de Caldas que permitirá a rehabilitación dun bo número destas infraestruturas.

Do seu lado, o alcalde, Juan Manuel Rey, subliñou «o compromiso do Goberno municipal coa conservación e posta en valor do Umia, da súa contorna e dos seus múltiples recursos naturais e patrimoniais.

Comentarios