Caldas de Reis impulsa un plan de erradicación de plantas invasoras no río Umia

O alcalde, Juan Manuel Rey, avanzou tamén a posta en marcha do Plan Director de Restauración do Xardín Botánico do municipio
O alcalde, Juan Manuel Rey, e o doutor Calaza. CEDIDA
photo_camera O alcalde, Juan Manuel Rey, e o doutor Calaza. CEDIDA

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, mantivo onte unha reunión co doutor, enxeñeiro agrónomo e arquitecto da paisaxe, Pedro Calaza, na que se avanzou en diferentes iniciativas e proxectos municipais relacionados co medio ambiente e os recursos naturais e paisaxísticos.

Así, o Goberno local activará durante os meses de outubro e novembro un programa de eliminación de vexetación invasora no río Umia. Trátase dunha intervención planificada no marco dos programas de xestión e mantemento dos cursos fluviais que se se desenvolverá nesta época do ano de acordo co calendario biolóxico máis adecuado para non intervir na vida das aves e demais fauna e microfauna presente nestes ecosistemas.

As actuacións realizaranse baixo unha estrita planificación das erradicación debido ás condicións particulares destas especies que fan necesaria unha xestión moi especial e adaptada a cada unha para evitar favorecer a súa dispersión.

Segundo avanzou o Concello, nos próximos días comezarase coa retirada dalgunhas plantas invasoras na Ponte da Ferrería e no entorno do muíño entre outras zonas urbanas.

Por outra banda, o encontro serviu para avanzar na posta en marcha do Plan Director de Restauración do Xardín Botánico de Caldas. Calaza e Rey aproveitaron para realizar unha visita á zona da Carballeira co fin de coñecer in situ as diferentes problemáticas que lle afectan ao conxunto, así como as accións de mantemento, conservación ou de dotación de novas infraestruturas a realizar no marco deste plan.

Por último, fixouse para o mes de novembro a actuación prevista de acondicionamento da fachada da casa consistorial na zona bañada polas augas do Umia. Os traballos realizaranse nesta época por ser a apropiada en canto a condicións biolóxicas. Serán executados por unha empresa especializada, de maneira que se garanta a conservación do ecosistema fluvial e non se produza ningún dano sobre as especies que habitan esta ribeira que funciona como corredor biolóxico.

Entre as accións a desenvolver, eliminarase a vexetación que supera unha determinada altura para despexar visualmente a fachada. Tamén se limpará a vexetación para crear xogos de pedra e vexetación en consonancia co respecto por exemplares de certo tamaño e zonas de refuxio de fauna. As zonas intermitentes que serven de refuxio de biodiversidade podaranse con morfoloxía natural.

A vexetación do treito urbano
O doutor, enxeñeiro agrónomo e arquitecto da paisaxe Pedro Calaza fixo fincapé na importancia que garda a vexetación do treito urbano do río Umia, que presta valiosos servizos ecosistémicos e funciona como filtro verde natural, ademais de como elemento de interese paisaxístico.

PRESERVACIÓN. O doutor Calaza defendeu tamén a necesidade de actuar nas zonas fluviais baixo criterios de preservación da biodiversidade.

Comentarios