Caldas pecha o 'Cultura Quente' con música en vivo e actividades infantís

A recoñecida banda de música indie Igloo, liderada polo caldense Beni Ferreiro, será o plato forte da última xornada cun concerto na Tafona durante a noite do próximo sábado
2020081916385589552
photo_camera A banda "Igloo" poñerá o broche de ouro á programación cultural do verán en Caldas. CEDIDA

A programación cultural para o verán 2020 organizada baixo o nome do emblemático festival Cultura Quente, e adaptado á situación de crise sanitaria, chega xa á súa última semana de actividade tras obter unha fantástica acollida nas xornadas previas e conseguir encher de ambiente as noites estivais en Caldas de Reis. O cartel volve a destacar pola música en vivo, á que se suman espectáculos infantís e os obradoiros para rapaces do "Verán con sentidiño".

O Dúo Meraki abre o vindeiro xoves ás 21:30 horas o programa de actuacións a carón da Praza de Abastos. Esta formación, composta por Andrea Cangeri (guitarra) e Rosa Pampillo (violín), centra o seu repertorio nun amplo abano de estilos musicais que van dende o folk ao rock, da música clásica ás bandas sonoras. Nas súas performances a interpretación mestúrase con elementos narrativos e teatrais.

O venres, na Tafona, Dj Moe pinchará a partir das 22:00 horas para dar paso ao concerto de Anecoido. Esta recoñecida banda de metal regresa á súa casa, Caldas de Reis, un ano despois de ter presentado con enorme éxito a súa xira. E faino presentando un novo guitarrista como membro do grupo. Unha das agrupacións con maior proxección do escenario do rock-metal.

O sábado pola mañá estará destinado aos máis pequenos. O Paseo Román López, acollerá a partir das 11:00 a segunda xornada de obradoiros infantís "Verán con sentidiño", ao que poderán asistir un grupo máximo de 20 menores previa inscrición no Rexistro Xeral do Concello ou por vía telefónica. Esta iniciativa contará, como novidade, co espectáculo infantil de monicreques "U-la Lúa?" que se celebrará ao mediodía. É unha proposta escénica dirixida a público familiar onde valores como a tenrura, o respecto ou a solidariedade cobran importancia para levarnos a un mundo onde a violencia non ten cabida e a ilusión fai dos soños unha realidade.

Pola noite e para pechar o festival, Dj Xaby servirá ás 22:00 horas na Tafona como teloneiro dun dos grupos máis agardados da programación: Igloo. Esta banda liderada polo caldense Beni Ferreiro leva dende o 2005 arrasando e colleitando éxitos. Un habitual dos festivais estivais respaldado por unha traxectoria con 6 discos, 1 EP e multitude de recoñecementos, que xogará de novo na casa para facer desfrutar aos asistentes baixo o seu orixinal estilo indie.

Comentarios