Caldas porá en valor a calidade arquitectónica e urbanística do casco histórico

O concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, explica que "estas actuacións derívanse do Plan de Mobilidade Sustentable elaborado co apoio da Deputación"
Técnicos de Todopel. DP
photo_camera Técnicos de Todopel. DP

Iniciáronse os traballos de levantamento topográfico de detalle do centro histórico de Caldas no entorno do río Bermaña e do Camiño de Santiago, na zona norte do casco urbano. Concretamente, lévanse a cabo na praza do Campo da Torre e das rúas Gaioso, San Roque e Fermín García, que maioritariamente forman parte tamén da Área de Rehabilitación Integrada (ARI) de Caldas. Os traballos son realizados por técnicos da empresa Topodel.

O resultado servirá de base gráfica para os posteriores proxectos de acondicionamento e mellora da urbanización desta zona co obxectivo de poñer en valor a calidade arquitectónica e urbanística do conxunto e facilitar a mobilidade peonil na vila termal.

O concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, sinala que "estas actuacións derívanse do Plan de Mobilidade Sustentable elaborado co apoio da Deputación e que foi aprobado polo Pleno no 2019. Permitirán mellorar a calidade de vida dos veciños ao tempo que mellorará a imaxe e o atractivo desta zona histórica para visitantes e peregrinos. Presentaremos estes proxectos nas futuras convocatorias de financiación europeas para o desenvolvemento da Axenda Urbana e para a mellora da sustentabilide e a transición enerxética e tamén noutras como o Plan Ágora". 

O alcalde, Juan Manuel Rey, destaca "o compromiso en mellorar toda esta zona central e histórica creando espazos amables e de calidade, seguindo coa política de recuperación do patrimonio e complementándoa coas actuacións de rehabilitación de vivendas a través da Oficina de ARI. Confiamos en poder levar a cabo estes proxectos progresivamente nos vindeiros anos, pero o proceso aínda será longo xa que os proxectos que se redacten requerirán das autorizacións sectoriais de Patrimonio e de Augas de Galicia". 

Comentarios