Caldas realiza un inventario exhaustivo das plantas e flores da Carballeira

A non celebración de concertos neste espacio durante tres anos fixo mellorar o seu estado e xerouse de forma progresiva vexetación diversa que contribúe á descompactación do solo
A Carballeira de Caldas conta con 140 anos de historia e 150 árbores. DP
photo_camera A Carballeira de Caldas conta con 140 anos de historia e 150 árbores. DP

O primeiro inventario de plantas e flores da Carballeira de Caldas está a piques de completarse. Este inventario pretende servir de guía para coñecer a súa riqueza e promover a biodiversidade neste espazo natural, que conta cunha especial protección como Ben de Interese Cultural e como formación incluída no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. Actualizarase periódicamente para coñecer a evolución nas diferentes estacións do ano e será divulgado no propio espazo e nos centros educativos.

Segundo explica o Goberno municipal caldense, despois de tres anos sen grandes concertos nin festas por mor da covid, a Carballeira mellorou o seu estado e xerouse de forma progresiva vexetación diversa que contribúe á descompactación do solo, á aparición de novas especies de insectos, reptís e aves que contribúen a enriquecer o ecosistema da Carballeira xunto ao río Umia e a mellorar o estado de saúde dos carballos centenarios de Caldas no seu propio hábitat.

Un equipo interdisciplinar dirixido polo doutor enxeñeiro agrónomo Pedro Calaza, e no que colabora tamén o Grupo Naturalista Hábitat, seguen estudando diferentes aspectos da Carballeira tal e como se propoñía no Plan Director das Árbores do Xardín Botánico, no que se establecía a redución das rozas indiscriminadas e continuas de todo este espazo singular. Pedro Calaza dirixe actualmente a Escola Galega da Paisaxe, tamén na súa calidade de doutor arquitecto da paisaxe.

Na última visita técnica realizada comprobouse que as zonas que foron obxecto de rozas recentes foron ocupadas por plantas exóticas invasoras, mentres que as que non foron obxecto de rozas durante meses teñen unha gran diversidade de plantas e flores que atraen aos polinizadores, conservan a humidade e redistribúen a auga e os nutrientes para os carballos.

O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, subliña que a Carballeira de Caldas é "a principal de Galicia, con case 140 anos de historia e 150 árbores, e agora é imprescindible priorizar a súa conservación dende o punto de vista natural. Temos que concienciarnos que uso excesivo deste espazo impedía o crecemento da vexetación e todo o sustrato era terra moi compactada".

Comentarios