Caldas de Reis faise un oco entre os dez mellores destinos de España

Valoracións de viaxeiros entre agosto de 2018 e novembro de 2020 sitúana no oitavo posto dos Traveller Review Awards
Imagen del emblemático palmeral de la villa termal. DP
photo_camera Imaxe do emblemático palmeral da vila termal. DP

Caldas de Reis figura entre os dez lugares máis acolledores de España segundo o buscador de viaxes e reservas Booking.com. Esta plataforma acaba de anunciar a entrega dos premios Traveller Review Awards 2021, a través dos que recoñece o traballo dos establecementos que se comercializan por medio desta web, repartidos por todo o mundo, en base á puntuación dos comentarios que deixan os clientes logo da súa estancia.

Baseándose na proporción de aloxamentos premiados en 2021 cun Traveller Review Award, Booking, tamén determina as rexións do mundo onde os viaxeiros reciben unha atención máis amable, así como os lugares máis acolledores de España segundo os comentarios dos viaxeiros.

É neste apartado no que Caldas de Reis aparece no posto oito entre os dez mellores destinos. Na lista tamén figuran zonas rurais e cidades pequenas e medianas que destacan, todas elas, pola súa atractiva oferta turística e cultural. A puntuación para optar a un premio debe estar entre oito e dez. A nota calcúlase facendo a media dos comentarios de clientes publicados na web de Booking e a App, entre o 1 de agosto de 2018 e o 30 de novembro de 2020.

Caldas de Reis figura na relación con lugares con máis aloxamentos premiados, do mesmo xeito que Albarracín (Aragón), Mérida e Cáceres (Estremadura), Santillana del Mar (Cantabria), Úbeda (Andalucía), Arzúa, Almagro (Castela-A Mancha), Caldas de Reis, Órzola (Canarias) e Hondarribia (País Vasco).

A través de Booking comercialízanse corenta establecementos turísticos de Caldas de Reis, dos que a maioría está no nivel máximo de valoración.

Os Traveller Review Awards chegan á novena edición cun millón de establecementos premiados. O número de gañadores pon de manifesto a "dedicación e resiliencia dos colaboradores que logran ofrecer experiencias de viaxe incribles en lugares de todo o mundo nun ano de grandes desafíos para o sector turístico", sinala Booking.

Juan Manuel Rei: "É un motivo de orgullo para todos"
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rei, afirmou que esta distinción supón "un orgullo para todos e todas as caldenses" e puxo de relevo o "enorme mérito de que sexa recoñecida a nivel nacional e internacional polos propios viaxeiros xunto con destinos referentes como Mérida, Úbeda ou Santillana del Mar". "Que sexan os visitantes os que distingan Caldas de Reis como unha das localidades máis acolledoras de España apórtalle aínda máis valor a este recoñecemento e pon de manifesto o excelente traballo do sector hosteleiro, a amabilidade da nosa xente e a aposta municipal pola singularidade da nosa Vila Termal". O rexedor subliña que "tras este recoñecemento hai un traballo moi importante por parte de todo o sector que se valora positivamente e debe animarnos a seguir traballando nesta liña". 

Comentarios