O centro de saúde de Forcarei volverá ter dous médicos

Logo de máis de dous anos con tan só un facultativo atendendo o ambulatorio, o Sergas acaba de adxudicar a outra praza fixa, aínda que tardará en facerse efectiva
Reunión entre Verónica Pichel y José Flores, este miércoles. DP
photo_camera Reunión entre Verónica Pichel e José Flores, este mércores. DP

O centro de saúde de Forcarei volverá contar con dous médicos. Así llo confirmou este mércores o xerente da área Sanitaria Pontevedra-O Salnés, José Flores, á alcaldesa, Verónica Pichel, durante a reunión que mantiveron no Hospital Provincial de Pontevedra. Logo de case dous anos e medio de numerosas reclamacións por parte da rexedora, tempo no que só houbo un médico para atender o centro sanitario, o Sergas acaba de adxudicar a outra praza (fixa), aínda que anunciou que tardará varios meses en cubrirse de xeito efectivo, pois a persoa titular da mesma está actualmente de baixa por maternidade.

Na reunión tamén estiveron a directora de Atención Primaria, Marta Ocampo, e a directora asistencial, Susana Romeu.

Desde mediados de 2020 o ambulatorio forcaricense está atendido por un único facultativo. En xuño dese ano xubilouse unha médica e esa praza quedou sen cubrir un tempo ata que accedeu ao servizo un médico interino. O outro doutor titular xubilouse oficialmente o pasado mes de marzo, pero levaba xa varios meses de baixa, co que o médico interino asumiu todo o traballo e segue a ser o único facultativo que atende actualmente en Forcarei.

A alcaldesa agradeceu a boa predisposición da xerencia para tratar de dar solución a algúns dos problemas que está a sufrir a atención sanitaria da localidade desde hai anos. Ademais de criticar a supresión dunha praza en Soutelo, Pichel insistiu na necesidade de ampliar horas do servizo de Pediatría que en Forcarei se limita a tan só tres días á semana (comparte pediatra co centro de saúde de Tenorio en Cerdedo-Cotobade). Aínda que o xerente admitiu que a falta de pediatras é un problema xeneralizado, si abriu a porta á posibilidade de crear unha praza en Forcarei de Enfermería de especialidade pediátrica. "Se queremos que a xente quede a vivir no rural necesitamos servizos e necesitamos unha asistencia sanitaria de calidade aínda que as ratios de pacientes dos nosos médicos sexan menores. Non pode ser que as familias teñan que desprazarse 40 minutos para que atendan ás súas nenas e nenos", insistiu Pichel.

O mesmo sucede coa Atención Primaria nas xornadas nas que os médicos de Forcarei e de Soutelo están de vacacións ou de días libres, e toda a cidadanía queda sen atención sanitaria. Neste sentido, desde a xerencia estudan unha proposta dos médicos da comarca Tabeirós-Terra de Montes para prolongar as súas xornadas e cubrir entre eles as súas libranzas para que ningún ambulatorio quede sen atención.

Comentarios