Charo Golmar: "'Nobelo de Luz' quere ser esperanza e abrirse á sociedade"

A escritora presenta este martes o seu primeiro libro na Praza da Igrexa de Lalín ás 20:30. Estará acompañada polos profesores Xosé Luna e Armando Requeixo, a ilustradora Amalia Lopez 'Luchi', o conselleiro de Cultura e Turismo Román Rodríguez, e a concelleira de Lalín Begoña Blanco.

Charo GolmarQue é Nobelo de luz?

Nobelo de luz é un poemario, un relato en primeira persoa de alguén que ten capacidades diferentes. Está inspirado nun alumno que tiven na clase, un ser humano extraordinario pero con dificultades de poder expresar o que sinte. Dalgunha maneira este Nobelo de luz quere ser un nobelo que se desenfíe, que sexa luz, que sexa esperanza, que se abra a sociedade para que os demais o comprendan. Fala dos sentimentos dese neno, dos seus problemas, da súa soidade, do seu illamento, do seu amor, da súa conciencia do que lle pasa.

Por que se decantou por plasmar a súa historia nun poemario?

A min sempre me gustou a poesía porque creo que é moi intensa e en poucas palabras é capaz de facer sentir o que realmente queres expresar, non necesitas artificios nin necesitas contar unha historia con moitas verbas. Ademais este neno era moi receptivo á música e ás cancións e para el eran unha maneira de achegarse ao mundo. Eu sentino así e sentín que a súa voz tiña que ser tamén desta maneira, poética. Non foi un proxecto moi estudiado, simplemente saiu.

Cal foi a motivación que lle deu o impulso para escribir o libro e para publicalo?

Eu realmente nunca me propuxen escribir un libro de xeito personal, pero un grupiño de amigos deume un empurronciño. Eu penso que a miña voz pode ser importante, pero moito máis a de alguén que non é capaz de manifestar o que sinte. Quixen ser a voz daqueles que sinten e non son capaces de expresarse.

En que tempo e espazo está ambientada a obra?

Eu son profesora e tiven a este alumno en infantil, pero pode ser un alumno atemporal, simplemente que quere expresar o que sinte. A acción desenvólvese nunha xornada, nun día. El esperta pola mañá e vainos contando todo o que lle sucede, todo o que sinte, como se sinte, o que desexa e o que anhela.

"O lector vaise atopar cunha voz poética, moi íntima, de alguén moi especial que ten algo importante que dicir"

Como está sendo a experiencia de publicar un libro?

Pois estou con moitos nervios pero moi emocionada pola acollida que está tendo, polas mensaxes de ánimo que me chegan dos amigos. Dalgunha maneira este libro quere ser unha pequena homenaxe a todas aquelas persoas que estiveron ao meu lado durante a vida e a ese agallaso que para min supuxo ser mestra, esa profesión maravillosa que me posibilitou unha experiencia persoal tan enriquecedora.

Pode contarnos alguna anécdota relacionada co poemario?

Eu sempre digo que o libro non é un libro meu, eu digo que é un libro noso porque é un libro de afectos onde participan moitas persoas. Teño unha maravillosa colaborada, a ilustradora Luchi, que lle puxo toda a emoción, toda a  sensibilidade,  porque  soubo ilustrar sentimentos. Tamén Xose Luna, que fixo un prólogo fermosísimo. Máis que anécdotas o que teño é o pouso de moitas persoas que están aí fomando parte deste libro e que son moi valiosas para min.

Que se vai atopar o lector nas páxinas do libro?

Vaise atopar cun poemario onde dou grazas por toda esta sorte de experiencia que tiven. Onde están todas as persoas importantes da miña vida, está a miña familia, están os meus amigos, están os meus alumnos. Vanse encontrar unha voz poética moi íntima de alguén moi especial que ten algo importante que dicirnos. Non sei se o conseguín plasmar pero ese era o meu propósito, ser luz para alguén que atopei no camiño e  que  necesita  que  se visibilice a sua forma de ver as cousas.


Comentarios