O Concello de Caldas proxecta a restauración do conxunto arquitectónico da 'Plazuela'

Fai uns meses atopouse no Arquivo Histórico Municipal un documento de 1896 da urbanización da Praza Martín de Herrera firmado polo arquitecto Jenaro de la Fuente, responsable doutros grandes edificios históricos na provincia
A restauración integral deste conxunto histórico e a súa contorna servirá para poñelo novamente en valor. CEDIDA
photo_camera A restauración integral deste conxunto histórico e a súa contorna servirá para poñelo novamente en valor. CEDIDA

O Concello de Caldas de Reis vai dar a coñecer o proxecto técnico orixinal e inédito de urbanización da Praza Martín de Herrera, coñecida popularmente como Plazuela, redactado en 1896 polo recoñecido arquitecto Jenaro de la Fuente e executado nese mismo ano, xustamente hai 125 anos. O documento foi identificado hai uns meses polo departamento de Cultura no Arquivo Histórico Municipal.

Por este motivo o Concello avanza que proximamente tamén se vai proceder á restauración integral deste conxunto histórico singular e da súa contorna perimetral para recuperalo e poñelo en valor. Xa está realizado o levantamento topográfico da zona e encargarase a redacción do proxecto técnico de restauración que comprenderá a restitución do valado perimetral en forxa e das estruturas ou machóns que o modulan en granito, así como das escaleiras e da iluminación na súa posición e candieiros orixinais.

A Plazuela é un espazo histórico moi significativo para a historia de Caldas e os caldenses. Atópase situada parcialmente no lugar que ocupaba a primitiva igrexa de Santo Tomás Becket, que foi demolida para construír a actual, pero xa no século XIX ese espazo chamábase Plazuela de la Iglesia. Ademáis, está moi preto da Fonte da Burga, tamén obra doutro insigne arquitecto decimonónico, Alejandro Rodríguez Sesmero.

A Plazuela é un espazo moi significativo para a historia de Caldas. CEDIDAParalelamente o Concello vai traballar en estudar a fondo o proxecto orixinal da Plazuela e en identificar outras posible obras de Jenaro de la Fuente na Vila Termal. Amais da Plazuela tamén son obra súa o edificio do Balneario Acuña, que conforma a imaxe máis recoñecida e icónica de Caldas de Reis, a casa de Laureano Salgado, empresario caldense coñecido como o Rei dos saltos de auga pola súa contribución ao desenvolvemento dos aproveitamentos hidroeléctricos en Galicia, e a residencia privada Villa Augusta. Así mesmo, De la Fuente desenvolveu por encargo do Concello a reforma do plano da poboación nesa zona central que definiu a súa morfoloxía urbana tal e como a vemos hoxe en día, dando unha visión urbana ampla e moderna do centro da vila.

Con estes motivos o Concello tamén está a traballar na posta en marcha dunha ruta do patrimonio histórico e arquitectónico a través da que dar a coñecer e poñer en valor tanto a obra de Jenaro de la Fuente como a totalidade da riqueza arquitectónica e histórica da vila de Caldas.

O alcalde, Juan Manuel Rey, mostrouse orgulloso "por redescubrir unha nova obra de Jenaro de la Fuente na nosa vila" e fixo fincapé no compromiso municipal por "restaurar e protexer este patrimonio e poñer en valor este espazo urbano tan significativo, así como todo o centro histórico da vila a través da ARI e outros instrumentos urbanísticos".

Pola súa parte, o concelleiro de Obras e Infraestruturas, Manuel González, sinalou que "o Concello xa avanzou coa contratación do levantamento topográfico e contratará coa maior celeridade a redacción do proxecto técnico para poder executar a obra tan pronto como teñamos dispoñibilidade orzamentaria".

Jenaro de la Fuente Domínguez naceu en Valladolid en 1851 e trasladouse a Vigo en 1874 onde exerceu como arquitecto municipal durante moitos anos. Na súa destacada traxectoria deixou unha forte pegada na cidade olívica onde é artífice do ensanche vigués e pai de máis de 80 edificios da cidade. Tamén son proxectos seus o gran hotel do Balneario de Mondariz, o Pazo de Lourizán, ou a Casa do Concello de Gondomar, entre outros.

Comentarios