O Concello denuncia que o Centro de Saúde de Forcarei queda sen ningún médico

A alcaldesa, Verónica Pichel, recorda que advertiu por escrito á Xunta de Galicia de que podía chegar a producirse esta situación
2020082816380482515
photo_camera A rexedora de Forcarei. CEDIDA

O Centro de Saúde de Forcarei non contou con ningún médico na xornada do xoves, e son dous os motivos da situación, indicou a súa alcaldesa, Verónica Pichel: a enfermidade do único facultativo que desenvolve o seu labor nesta instalación e os recortes aplicados pola Xunta de Galicia.

A finais de xuño xubilouse unha médica deste centro, polo que o seu persoal quedou reducida á mínima expresión. A situación "xerou xa daquela notable alarma", indica Pichel, derivada do temor a que a Xunta puidese aproveitar a circunstancia para converter en definitiva a baixa. No servizo de Pediatría non se cubriron este mes as vacacións da doutora, agrega.

O Sergas comprometeuse entón a manter a cobertura sanitaria, vía reorganización, e informou de que había un profesional interesado na praza da médica xubilada, pero prefería que continuar, provisionalmente, noutro destino, recorda o Concello.

A alcaldesa fixo pública entón a súa indignación e desconfianza ante a resposta, "e a actual situación non centro de saúde confirma completamente os temores", subliña.

Pichel expón que o día 26 púxose en contacto co xerente do Área Sanitaria Pontevedra-Salnés, José Ramón Gómez, "que lle deu a entender que estaba a intentar atopar unha solución para a situación de desatención no centro forcaricense nun momento complexo polas vacacións do persoal e outras incidencias", expón a Administración local.

O Concello agrega que no mes de xuño, tras a xubilación da profesional en Forcarei, a alcaldesa enviou unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "para esixir a designación doutra médica ou médico substituta".

A situación chegou a tal punto que a Corporación municipal, de xeito unánime, aprobou en febreiro unha moción para solicitar á Xunta que dote ao PAC de Cerdedo -que atende as urxencias de Forcarei e aos centros de saúde deste concello- dos recursos técnicos e o persoal necesarios para prestar o servizo.

Comentarios