O Concello de Lalín porá en marcha un servizo de prevención de adiccións

O Goberno local fomentará actividades nos centros educativos para a prevención de adiccións
Consistorio lalinés. DP
photo_camera Consistorio lalinés. DP

A concelleira de Educación e Sanidade de Lalín, Eva Montoto, acompañada pola edil de Relacións Veciñais, Marisa Álvarez, anunciou este sábado que o Goberno porá en marcha un servizo de prevención de adiccións no municipio, para o que se contratará a unha persoa que atenderá á poboación e desenvolveranse distintas actividades, fundamentalmente nos centros educativos de secundaria da vila.

Así, a edil popular informou de que o Concello recibiu unha resolución favorable da Consellería de Sanidade en relación a unha solicitude presentada para unha subvención que ten o obxectivo de desenvolver proxectos de prevención de condutas adictivas. A achega, para os cursos escolares 2020/2021 e 2021/2020, será de 49.038 euros, "e nós a maiores imos achegar un 7%, que veñen a ser 3.462 euros". "A idea é evitar tanto o desenvolvemento como a consolidación do consumo de sustancias nocivas e atallar condutas aditivas que xurdiron novas como son Internet, as redes sociais ou as apostas deportivas", engadiu, e explicou que ao mesmo tempo se pretende promover un estilo de vida saudable.

Con este proxecto o Concello aspira a servir de apoio á educación escolar, concienciar aos pais e nais da súa función educadora "e ao mesmo tempo aportarlle ferramentas e criterios de actuación tanto aos nenos e adolescentes como ás propias familias".

O novo servizo de prevención situarase na Casa Consistorial e contratarase a unha persoa, a tempo parcial, que estude Psicoloxía, Pedagoxía, Psicopedagoxía ou Educación Social. O Goberno xa está a traballar nas bases da convocatoria e porá en marcha o servizo cando se contratou (previsiblemente en marzo) á persoa que será a responsable da iniciativa.

Comentarios