Consumo responsable e con moita arte en Lalín

As concellerías de Comercio e Cultura regalaranlle ás tendas 5.000 bolsas de tea con deseños de Benxa Otero e Celso Fernández

Celso Fernández, Lara Rodríguez, José Manuel Fernandez e Benxamín Otero amosando os sacos. B.P.
photo_camera Celso Fernández, Lara Rodríguez, José Manuel Fernandez e Benxamín Otero amosando os sacos. B.P.

Sensibilizar a comerciantes e consumidores sobre a excesiva utilización de bolsas de plástico dun só uso e contribuír a dinamizar a actividade comercial e a cultura de Lalín. Estes son os obxectivos da iniciativa que impulsan as concellerías de Comercio e Cultura de Lalín, que a partires deste venres comezarán a regalar ós negocios que o desexen bolsas de tea estampadas con deseños autoría de dous artistas locais: o músico Benxamín Otero e o contacontos Censo Fernández Sanmartín. A primeira tirada é de 5.000 unidades, pero a intención é continuar dando cabida a outros creadores.

Cada comercio poderá recoller un lote de 25 bolsas, que terá que retirar no propio Consistorio. Un total de 2.500 sacos son de cor branca e teñen impreso por un dos seus lados unha partitura gráfica, unha creación específica para esta iniciativa e un recordo ó astrónomo Ramón Aller obra de Benxamín Otero. "Sabendo que ten un cráter na lúa, era a escusa perfecta para compoñer unha peza en forma circular", explica o músico. O saco leva tamén impreso un código QR para poder escoitar a peza.

Outras 2.500 bolsas son negras e nelas pode lerse: "Saber é distinguir o vrau dun montón de sol", verso que forma parte da obra A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez o último poemario de Celso Fernández Sanmartín.

Na presentación dos dous primeiros modelos participaron os seus creadores, así como a concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, e o seu homólogo de Comercio, José Manuel Fernández.

MUSEO DA MARIONETA. Noutra orde de asuntos, a concelleira de Cultura asegurou este mércores con respecto ó peche do Museo Galego da Marioneta anunciado pola compañía Viravolta que "o Concello estivo, está e estará aberto ao diálogo ata o derradeiro minuto para tratar de evitar que cerre".

Rodríguez amosou a súa "máxima confianza en que se arranxe esta situación, aínda que para iso debe existir boa vontade por parte de todos", afirmou.

Comentarios